Co Nadal á porta, as tendas locais de Redondela convértense nunha alternativa perfecta para atopar regalos orixinais, personalizados e con alma, lonxe das grandes superficies ou das compras en liña. Tres comercios independentes —a librería Rosalía e Compañía, a tenda de xogos de mesa e maquetas La Revancha e a tenda de artesanía Bradouro— comparten as súas recomendacións máis demandadas estas festas, destacando a importancia de comprar na vila: atención personalizada, produtos únicos e unha experiencia que eleva o valor de cada agasallo.
Libros que emocionan e sorprenden en Rosalía e Compañía
Tania, responsable da libraría Rosalía e Compañía, unha pequena xoia independente, confirma que os libros seguen sendo un dos regalos estrela do Nadal. “A xente é moi previsora e xa en decembro comeza a comprar”, di, e engade que regalar libros é “un clásico socorrido” que nunca falla.
Este ano destacan as edicións especiais e ilustradas, perfectas para converter un simple libro nun agasallo memorable. Entre as recomendacións:
- Clásicos como Canción de Nadal de Charles Dickens, en múltiples versións con tapa dura e ilustracións diferentes.
- Edicións anotadas de grandes obras (por exemplo, de editorial Akal), cheas de contexto histórico, curiosidades e reproducións, ideais para amantes da literatura que queiran redescubrir títulos como Cumes borrascosas.
- Novidades como a edición ilustrada de Hamnet (con debuxos da ilustradora Lauri), un éxito literario que pronto terá adaptación cinematográfica.
- Libros infantís e xuvenís de editoriais galegas, con historias sobre o Nadal, o inverno ou o cambio de estación, visualmente atractivos e coidados.



Tania insiste en que o mellor é preguntar: “Encántanos recomendar. Se nos contades algo da persoa ou un libro que lle gustou, podemos atopar o agasallo perfecto”. Ademais, subliña o valor das edicións bonitas: “Por uns poucos euros máis, regalas algo especial que se nota que escolliches con cariño”.
Maquetas, xogos e diversión familiar en La Revancha
Andrea, de La Revancha, unha tenda especializada en xogos de mesa, maquetas de madeira e cartas, destaca que estas datas son ideais para regalos que ocupen tempo creativo ou reúnan a familia.
Os produtos máis demandados:
- Maquetas de madeira: reloxos, miniatura dunha imprenta para antiga, librarías en miniatura con luz LED (algunhas inspiradas en Shakespeare), temas de Star Wars, flores eternas (como a sakura xaponesa) ou escenas románticas. “Quedan preciosas na estantería e non necesitan auga”, bromea Andrea. Prezos accesibles (moitas a partir de 10 €) e perfectas para tardes de peli e manta.
- Xogos de mesa familiares: bingo clásico pero en madeira de calidade (con bolas de madeira e bombo metálico), triviais alternativos, party games ou xogos rápidos para todas as idades. “Despois das uvas, xogar en familia é un planazo”, di.
- Outras opcións: puzzles tipo escape room en caixa, cartas Pokémon, figuritas coleccionables tipo Lego (marca PIXO, con modelos XXL de ata 2.100 pezas) ou xogos de estratexia para públicos máis expertos.










Andrea celebra que moitos produtos que se viralizan en redes sociais están dispoñibles na tenda: “Non tes que esperar envíos nin arriesgarte a que chegue mal; aquí podes velo, tocalo e levalo na hora”.
Artesanía única e colorida en Bradouro
Diego, de Bradouro, unha tenda chea de produtos feitos a man e con moito color, confirma que a bisutería artesá segue sendo o rei das vendas de Nadal. “É un produto único que gusta a todas”, explica.
As recomendacións estrela:
- Bisutería e xoiería personalizada: Pezas únicas dun obradoiro coruñés chamado Hati Musé Atelier, creado por Andrea e Héctor. O vindeiro 23 de decembro os propios creadores estarán na tenda para ofrecer personalización instantánea das súas xoias, gravando nomes, datas ou mensaxes no momento —un agasallo verdadeiramente irrepetible.
- Gorros feitos a man da marca Nuevemí (ou Novemic), de Noemí en Barcelona: pezas téxtiles cálidas, coloridas e con deseño exclusivo, perfectas para o inverno e ideais como gorros ou gorras artesás.
- Láminas ilustradas, como a fermosa lámina dunha balea de Alba Casanova, ilustradora redondelá afincada en Valencia: arte delicada e chea de personalidade que pode encadrarse ou regalarse tal cal.
- Calcetíns galegos da marca SomosOcéano, especialmente os do Xabarín Club, que se esgotan cada ano pola súa nostalxia e calidade.
- Cuncas, fundas de libros, neceseres e monedeiros confeccionados a man, con tecidos e acabados cheos de encanto.
- Ilustracións, pezas de cerámica e novidades como decoración dunha ceramista viguesa.
Diego subliña que moitos agasallos van en conxunto: “todo se complementa”. Por exemplo, unha xoia personalizada de Hati Musé pode ir acompañada dun gorro de Nuevemí e unha lámina de Alba Casanova, ou uns calcetíns do Xabarín Club con cerámica local. E lembra tamén os libros locais como o calendario histórico de Redondela ou o título Xirarei de Pablo Carreiro sobre a Festa da Coca, con pins temáticos que completan o paquete.







En Bradouro atoparás esa mestura perfecta de artesanía galega e foránea, feita con agarimo e ideal para sorprender nestas datas. Un lugar onde cada peza conta unha historia!
Por que mercar no comercio local?
Os tres coinciden: no pequeno comercio non só compras un obxecto, senón unha experiencia. “Aquí coñecémoste polo nome, guiámoste e contámosche a historia detrás de cada produto”, di Diego. Tania engade que nas tendas independentes atopas edicións e autores que non ves nas grandes cadeas, mentres Andrea destaca a posibilidade de tocar e probar antes de comprar.
Comprar en Redondela evita desprazamentos, colas e gastos extra. “Aquí tes de todo: roupa, calzado, artesanía, libros, xogos… e vives a vila”, resumen. Un paseo polo centro, un chocolate quente e unha visita a estas tendas convértense nun plan perfecto para atopar ese agasallo especial que, como di Tania, “así nótaese de verdade que pensaches na persoa”.
Este Nadal, Redondela ofrece variedade, calidade e agarimo. Non hai excusa para non atopar o regalo ideal ao carón da casa.









