O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou en Redondela unha nova web na que se recolle información sobre a represión franquista no municipio. Esta iniciativa, financiada polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, permite realizar consultas sobre as vítimas do franquismo e busca reparar a memoria dos represaliados de San Simón e de quen colaborou para a súa supervivencia no penal como “as Madriñas” de Redondela.
O proxecto impulsado polo Concello e a Secretaría de Estado de Memoria Democrática quere pór nome e rostro ás máis de 5.600 persoas que pasaron por este penal, e ás 517 vítimas que deixou.
Pedro Blanco significou o valor da iniciativa, que se materializa a través dunha web propia con información sobre os presos e as “madriñas”, as mulleres que cooperaron para o benestar das persoas encadeadas. Un proxecto “no que imos man a man, Concello e Goberno de España” e que supón “un paso decisivo na reparación destas persoas” así como unha forma de divulgar a historia do noso pasado e poñela a disposición da cidadanía.
Ademais, co propósito de organizar un acto de reparación para 2026, o delegado fixo un chamamento para encontrar os familiares dos presos, actualizar a base de datos e os contactos para “devolverlle a palabra as persoas que foron perseguidas, que foron represarliadas e as que foron asasinadaos por defender as liberdades”. Para isto a entidade redondelá ofreceu un correo electrónico (memoria@redondela.gal) onde enviar todo tipo de información. Ademais, tamén contactarán en colaboración co ministerio coas distintas asociacións de memoria democrática de Galicia e España na procura dos contactos e completar a información.
No acto no que se lanzou esta nova web sobre a represión franquista no municipio: Memoria Democrática | Concello de Redondela participou tamén a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen se amosouse satisfeita ao ser a primeira vez que o Concello, como institución, ofrece información sobre o franquismo dende a súa web institucional.
Esta web servirá tanto para a investigación como para a consulta de público xeral posto que ofrece unha información adaptada a ambos perfís. Ademais incluirá unha pestana de recursos didácticos para os centros escolares para que as xeracións máis novas coñezan e tomen conciencia de que a ditadura franquista supuxo o asasinato, a tortura, o exilio e a persecución de milleiros de persoas sen outro motivo que pensar diferente.











Unha resposta
Boa iniciativa. Con esta páxina web móstrase un traballo moi deficiente por parte do Concello, xa que hai moi poucos datos, cando o Consello debería ter moitos máis datos. Por exemplo das madriñas, que tiveron un ano de recoñecemento e diversas publicacións só recollen 2 madriñas de 55, cando noutras novas hai máis nomes. Non quero pensar que o Concello e o Ministerio se queiran aproveitar dun traballo futuro e gratuíto por parte das asociacións.
https://www.radioredondela.com/2021/04/24/unha-exposicion-homenaxe-as-madrinas-de-san-simon/