O Centro Cultural de Vilar en colaboración coas Anpas e cos centros educativos levan ao IES Pedro Floriani e ao CEIP Plurilingüe Portocabeiro as actuacións de Leti da Taberna coa súa charla-monólogo “Galega nas Redes” na xornada de hoxe e de Vero Rilo co contacontos “E a ti que che contaban?” o vindeiro xoves 18.
A actividade que se levará a cabo no IES Pedro Floriani será a charla-monólogo: “Galega nas Redes”, a cargo da monologuista e creadora de contido dixital Leti da Taberna. Trátase dun espectáculo formativo que terá lugar hoxe no IES Pedro Floriani. Con máis de 60.000 seguidores nas redes sociais, Leti da Taberna propón un monólogo charla sobre a creación de contido dixital en galego, incidindo na perspectiva no uso responsable das redes sociais.
Ademais, dentro deste programa, o 18 de decembro a narradora e mestra Vero Rilo ofrecerá un espectáculo de contos e xogos tradicionais “E a ti que che contaban?” no CEIP Plurilingüe Portocabeiro, achegando aos máis pequenos á memoria familiar e á importancia de transmitir a herdanza cultural en galego.
Estas actividades buscan fomentar a creación de contido en galego e promover o uso da nosa lingua tanto no ámbito dixital como na tradición oral, facendo partícipe á comunidade educativa dunha experiencia formativa e lúdica á vez.
As actividades están enmarcadas na campaña “Falade galego rapazada, tamén nas redes, meu!”, organizada co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña de subvencións para actividades de dinamización da lingua galega.











