Terceira División Nacional
Un dos grandes protagonistas da fin de semana foi o Redondela FS, que asinou unha vitoria contundente por 2-7 na visita ao ADI Vianariño FS. Este triunfo permite aos redondeláns avanzar na clasificación e afastarse a dous postos da zona perigosa. Con só unha xornada por diante para pechar a segunda volta, o equipo encara o futuro con optimismo.
Como destacaba o club nas súas redes sociais: “Gran actuación do equipo, que levou a vitoria por 2-7 e sumou tres puntos moi importantes”. O heroe do partido foi Rolo, autor dun hat-trick (tres goles!), acompañado no marcador por Barcala, Óscar, Conde e Alex Pazos. A próxima semana, última do ano, o Redondela xogará en casa no Pavillón da Marisma contra o Sara Ourense 2014.
Na mesma categoría, o Pazos de Borbén FS conseguiu un empate a 4 na casa fronte ao Sport Sala FS de Culleredo. Os vermellos fixeron un bo partido, pero os postes e un gardameta en estado de graza impedironlles levar os tres puntos. Os goles locais foron obra de Diego, Jacobo, Pereira e Fredo. O club comentaba nas redes: “Bo partido dos vermellos, que viron como os postes e un inspiradísimo gardameta coruñés priváronos de sumar unha vitoria ante un dos ‘galiños’ da categoría”. A próxima semana, pechan o ano visitando ao Concello de Friol FS.


Preferente
Na categoría Preferente, o Campito Chapela impúxose por 2-10 ao FS As Neves. Unha vitoria importante que reforza a súa posición na táboa. O gran protagonista foi Pedro, que meteu nada menos que cinco goles. Completaron a conta Raul (dous), Xian, Nicolás e Víctor. Na penúltima xornada da categoría, recibirán no seu pavillón ao Pecheches FS, cunha oportunidade de seguir sumando.
Primeira Futsal
Non todo foron alegrías. O Arealonga FS Chapela caeu por 2-8 ante o CD A Paz FS, o que os afonda na zona baixa da clasificación. Os únicos goles locais foron de Borja e Javier. A próxima xornada, visitarán ao Club Deportivo La Peña nun partido clave para intentar saír dos postos perigosos.









