Un home veciño de Redondela perdía a vida na tarde de onte nun accidente que tiña lugar ás 18:20 horas na N-552 á altura da Tapería Patri. Malia as labores de reanimación realizadas polos sanitarios no propio lugar do suceso finalmente nada se puido facer por salvarlle a vida. Hai ademais tres persoas feridas –dúas delas graves- que foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro.
Ata o lugar do suceso desprazáronse axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Redondela e do GES de Mos así como varias ambulancias. De feito, un dos feridos tivo que ser excarcerado polos traballadores de emerxencias.
No accidente víronse involucrados un Seat Ibiza que circulaba en dirección a Vigo e que colidiu frontolateralmente contra outro turismo, un Peugeot 3008. A consecuencia do impacto os vehículos quedaron cruzados na vía o que provocou un atasco monumental na estrada Vigo Redondela, con caravanas que chegaban ata a rotonda de Rande. A circulación quedou normalizada pasadas as nove da noite, unha vez que os servizos de emerxencia puideron retirar os turismo accidentados e restablecer unhas condicións seguras para os vehículos.









