As cintas foron cedidas pola familia Cayetano Rodríguez, emigrada na Arxentina, que gravou as escenas nas viaxes á súa vila natal. Os vídeos recollen festas e celebracións tanto en Redondela como nas parroquias, a feira con gando, mulleres lavando no río ou trens de mercadorías pasando polo viaduto de Madrid. Poden visionarse na canle dixital “Redondela Aberta”.
O Arquivo Municipal estrea apartado audiovisual na canle dixital “Redondela Aberta”, dentro da web do Concello. As primeiras incorporacións son tres películas de comezos da década dos 70 con imaxes da vila, vistas panorámicas, festas, etc. As películas foron dixitalizadas por unha empresa especializada a partir de bobinas de Super8 cedidas pola familia Cayetano Rodríguez.
Entre os vídeos podemos ver a Festa da Coca, a Danza das Espadas na que participaban tanto homes como mulleres, a Coca e a procesión. Hai tamén escenas na Alameda, a praza da Alfóndiga e vistas panorámicas dende o viaduto de Madrid. Unha das escenas recolle o paso dun tren de mercadorías polo viaduto antes de que quedara en desuso co peche da liña en 1971. Hai tamén vídeos de escenas tradicionais como mulleres lavando no río Alvedosa, mariscadoras na enseada e a feira cando se facía na Xunqueira con venda de gando. Uns vídeos que recollen tamén imaxe da fábrica de Regojo ou o Cine Coca así como celebracións nas parroquias: festa da Peneda, festa de Reboreda e comida no prado do Carballo das Cen Pólas, a festa do Carme de Cesantes e a vendima no Viso. Entre as filmacións tamén hai escenas da ría de Vigo, a Illa de Toralla antes da construción do edificio e a partida en barco dende o porto vigués.
O traballo conxunto dos departamentos de Arquivo e Novas Tecnoloxías permite agora difundir estas tres películas para que calquera persoa poida velas libremente a través da web do Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a xenerosidade da familia Cayetano “xa que contar con estas imaxes no arquivo municipal é un verdadeiro luxo para o Concello e para todos os veciños e veciñas, tanto os que viven actualmente en Redondela como os que están fóra” e animou á veciñanza a seguir enriquecendo o Arquivo Municipal con imaxes ou vídeo antigos que poidan ter nas súas casas. As irmás Luisa e Natalia Cayetano, que viven agora en Redondela, visitaron o Concello para recoller as películas orixinais e recibiron tamén unha copia dixitalizadas dos filmes.












