Hoxe é Mércores 10 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un novo incendio no cableado baixo a beirarrúa de Xeneral Rubín provoca unha explosión na zona

xeneral fume

O tramo da rúa tivo que ser acordoado polos efectivos da Policía Local e do SEIS de Redondela que se desprazaron ao lugar para garantir a seguridade dos peóns, xa que unha das tapas de rexistro levantouse do chan. A explosión –terceira que se produce no mesmo lugar segundo explicou o concelleiro de Vías e obras-  provocou unha enorme preocupación entre a veciñanza. Negocios como a Farmacia Andrea Domínguez  e o despacho de loterías víronse obrigados a pechar as súas portas para evitar riscos, á espera de que operarios de Naturgy solucionen o problema.

Novo susto o que se levaban na mañá de hoxe os residentes e peóns que ao redor das 9:00 horas  se atopaban nas proximidades da rúa Xeneral Rubín cando se producía unha explosión baixo unha tapa de rexistro da beirarrúa, diante da Farmacia Andrea Domínguez. A explosión e o posterior lume debeuse a un fallo eléctrico do cableado que discorre por debaixo da beirarrúa e deixou tamén unha estela de fume.

A Policía Local recibiu a chamada ás 9:07 horas na que se alertaba do sucedido, malia que segundo explican os residentes xa na tarde de onte había indicios dalgunha avaría no servizo eléctrico porque se detectaban flutuacións e altibaixos no subministro. Con todo, sería hoxe cando se produciu a explosión que levantou a tapa do sumidoiro e que provocou tamén un pequeno incendio que mobilizou aos servizos de emerxencia que procederon a acordoar a zona para evitar o paso de peóns e minimizar riscos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará