O Concello de Soutomaior dá un paso cara á inclusión real coa celebración do primeiro Encontro Inclusivo, que terá lugar o vindeiro sábado 13 de decembro na Carpa de Nadal da Alameda de Talo Río. Trátase dunha xornada festiva e aberta a todo o público na que se busca visibilizar o traballo de entidades especializadas en diversidade funcional e, sobre todo, crear un espazo onde todas as persoas, independentemente das súas capacidades, poidan participar en pé de igualdade.
A técnica do Observatorio Municipal da Xuventude e da Infancia (OMXI) de Soutomaior, Sonia Pintos, explica que esta iniciativa non nace de cero: “É un proxecto que levamos impulsando desde hai dous anos no Concello. O obxectivo é incorporar medidas inclusivas en todas as actividades que se organizan, para que sexan realmente para todas as persoas, independentemente das súas capacidades. Escoitamos ás familias, valoramos as súas necesidades e, pouco a pouco, imos afondando nesta liña de traballo”.
A mañá comezará cos expositores informativos das entidades participantes Celta Integra, AMICOS, ASDIVALU, CONTAZ e ANDAINA onde calquera poderá achegarse, coñecer o que fan día a día e falar directamente coas persoas que forman parte delas. Pero o verdadeiro corazón do encontro estará nas actividades prácticas, todas elas deseñadas para que participen en familia, con ou sen diversidade funcional, sen diferenzas nin barreiras.
Haberá un circuíto de minixogos de fútbol adaptado da man de Celta Integra; AMICOS traerá unha chea de xogos inclusivos que activan sentidos e habilidades de forma entretida; o contacontos Aránzazu Casas e María costa que contarán a historia de “A Maleta” mesturando lingua oral e lingua de signos, e despois ofrecerá un pequeno obradoiro para quen queira aprender as primeiras palabras en lingua de signos. Pola tarde, a Fundación Igualarte pechará a xornada co espectáculo de circo Volta na Rúa no que actrices e actores con diferentes capacidades farán malabares, acrobacias e números que deixarán a todos coa boca aberta.
Sonia Pintos insiste en que moitas das demandas das familias son sinxelas pero marcan a diferenza: “O que queren é que se lles escoite. Ás veces trátase de cousas tan básicas como facilitar as colas de espera nas actividades ou poñer a disposición cascos antirruído. Por iso escollemos o Nadal para este primeiro encontro: o lecer ten que ser de todos e todas”.
Unha xornada con entrada de balde, chea de xogos, risas, circo e aprendizaxe na que o protagonismo o terán as persoas e non as etiquetas.










