A redacción do proxecto de reforma da Avenida Mendiño está en fase de licitación ata o vindeiro 29 de decembro. O obxectivo do Concello é investir 1,6 millón de euros nunha obra que inclúa a reforma da pavimentación, do mobiliario urbano e das zonas verdes no tramo que vai desde o centro urbano ata o porto de Cesantes. Unha proposta que non convence aos nacionalistas por non contemplar un carril-bici, converter parte da rúa do centro de saúde nun aparcadoiro e non recuperar o tramo próximo ao peirao de Cesantes.
O voceiro do BNG, Xoán Carlos González explica que a súa formación presentaron unha alegación aos orzamentos da Xunta para demandar 600.000 euros máis para acometer a obra de renovación da Avenida de Mendiño. Unha actuación que a día de hoxe prevé un investimento de 1,6 millóns, cantidade que os nacionalistas consideran insuficiente para que “a humanización de toda a Avenida sexa real”.
Entenden que a obra debe converter esta vía ademais de converterse nun acceso seguro a centros educativos, deportivos e sanitarios debe beneficiar á veciñanza de Catapeixe e debe superar “un modelo de humanización caduco que é polo que apostan PSOE e PP e que se reduce a substituír beirarrúas e farois, asfaltar e pintar aparcadoiros”.
A proposta do BNG contempla un investimento superior aos dous millóns de euros e reclama, entre outras cuestións, a construción dun carril-bici que permitiría enlazar co futuro paseo da praia.
Xoán Carlos González lamenta “a falta de ambición do goberno de Digna Rivas por non incluír no proxecto propostas beneficiosas para os veciños e veciñas no seu conxunto”.










