A mostra internacional HeART of Gaza chega ao Multiusos da Xunqueira logo de percorrer 90 cidades. Da man do Colectivo ProPalestino en colaboración co Concello, esta exposición itinerante integrada por debuxos realizados por nenos e nenas gazatís permancerá neste espazo ata o vindeiro 10 de xaneiro. Convidan aos centros educativos a achegarse e á mocidade redondelá a participar coas súas propias propostas artísticas.
HeART of Gaza é unha mostra internacional que recolle debuxos e pinturas realizadas por nenos e nenas de 3 a 17 anos que viven en Gaza. A través da arte, as infancias documentan a súa experiencia durante o xenocidio e expresan as súas emocións, medos, esperanzas e desexos.
A exposición foi fundada por Mohammed Timraz (Deir Al Balah, Gaza) e Feile Butler (Sligo, Irlanda) no 2024, e dende entón, viaxou por case 90 cidades de dous continentes tal e como nos explicaba dende o Colectivo proPalestina de Redondela, Mercedes Santos.
Os organizadores ofrecen aos centros educativos a posibilidade de organizar visitas presenciais antes das vacacións de Nadal e animan ás familias a ter unha experiencia significativa visitando a exposición que serva tamén para abrir conversas necesarias sobre xustiza, protección, dignidade e a responsabilidade colectiva de construír un mundo onde o horror non se normalice.
Tamén convidan a nenos e xóvenes a crear arte en resposta ás obras expostas. Todos os debuxos realizados serán escaneados e enviados a Gaza para ser compartidos cos protagonistas do proxecto.
O espazo da mostra contará cun lugar para a recepción dos traballos realizados, no mostrador do multiusos. Os traballos deben ir acompañados dun pequeno cuestionario onde se especificara o nome do autor, lugar de residencia, centro educativo se se desexa ademais dun pequeno espazo para un comentario sobre a obra.
A exposición HeART of Gaza ofrece unha oportunidade para reflexionar, sobre a importancia de non naturalizar a vulneración de dereitos, especialmente da infancia.











