O acordo plenario en base ao cal o Concello se comprometía a adquirir o inmoble coñecido como Villa Elisa por valor de 659.000 euros con cargo aos orzamentos municipais é xa unha realidade. O goberno local asinou cos herdeiros da propiedade a adquisición da finca situada na rúa Ernestina Otero. O seguinte paso consistirá en rehabilitar o edificio e acondicionalo para albergar a futura biblioteca. A propiedade conta tamén cunha zona axardinada que se transformará nun novo espazo verde anexo de uso público.
A parcela de 3.500 m2, e o edificio indiano cunha superficie construída de máis de 700 m2 son xa propiedade do concello unha vez que a alcaldesa, Digna Rivas, asinou formalmente e ante notario a compra de Villa Elisa cos herdeiros do inmoble. O edificio albergará a nova Biblioteca Municipal. Rivas amosou unha fonda satisfacción polo alcance deste paso: “Adquirir este edificio permitirá ofrecer unha biblioteca moderna, accesible e con espazos reais para estudar, investigar e desfrutar da lectura en condicións dignas”, substituíndo a súa ubicación actual no auditorio da Xunqueira que arrrastra limitacións tales como ruídos procedentes das actividades culturais, falta de espazo, imposibilidade de crecer ou de adaptarse ás necesidades de uso que demanda a poboación.
O seguinte paso será realizar os traballos técnicos pertinentes para o proxecto de rehabilitación, que se realizará “desde o respecto ao valor patrimonial do inmoble e orientado a unha biblioteca moderna, funcional e pensada para o futuro”. A propiedade conta tamén cunha ampla zona axardinada que permitirá gañar un espazo verde anexo, aberto ao público no corazón da vila”.
A compra realizouse integramente con fondos municipais por un importe de 659.000 euros do remanente de tesourería tras o acordo aprobado en pleno no pasado mes de setembro tras recibir a proposta da alcaldía o apoio dos concelleiros de PSOE, AER e BNG.
Renovació na “Praza da Petanca”
A adquisición de Villa Elisa permitirá transformar un gran espazo no centro da vila, na avenida Ernestina Otero, onde o Concello proxecta tamén a renovación da praza da Ponte da Lima, coñecida tamén como praza “da Petanca”. Este espazo de 2.300 m2 acollerá unha nova área cultural e de lecer cunha praza renovada, auditorio ao aire libre e un ascensor que conectará coa parte alta da rúa Subida á Estación. Estas obras realizaranse a través do Plan Extra da Deputación. O edificio “Granxa da Lima”, adquirido por Zona Franca, será tamén un novo espazo público que acollerá un viveiro de empresas.









