Tras o acendido do alumeado a pasada fin de semana, a programación de Nadal deixa novas propostas para os vindeiros días. Así, o venres 12 terá lugar no Multiúsos de Arcade a charla coloquio “As tradicións galegas de Nadal” ás 20:00 horas con Lidia Mariño. O sábado 13 chegará o I Encontro Inclusivo e o domingo 14 o II Mercado de Oportunidades e de Segunda Man.
O primeiro encontro inclusivo de Soutomaior celebrarase na carpa de Nadal na Alameda de Talo Río e busca visibilizar e dar cabida a todas as persoas independentemente das súas capacidades. Para isto nesta xornada contarase con entidades cunha ampla experiencia no eido da diversidade como son CELTA INTEGRA, Fundación celta, AMICOS, ASDIVALU, CONTAZ, Lengua de signos e ANDAINA.
Celebraranse actividades inclusivas deseñadas por estas entidades moi divertidas e interactivas para todas as idades e públicos como son os minixogos de Celta Integra coa súa experiencia en fútbol adaptado que leva a cabo o equipo inclusivo do club. Ou a proposta de xogos variados de AMICOS. Haberá moitas outras actividades como o contacontos A MALETA no que conviven a lingua oral e a de signos co equipo de CONTAZ que nos contará unha fermosa historia ou o espectáculo de circo da Fundación IGUALARTE cunha proposta artística integral na que participan persoas con diferentes capacidades.
II Marcado de Oportunidades
Este mercado desenvolverase o día 14 de decembro na Alameda de Talo Río (Arcade) en horario de 11:30 a 20:00h. Unha iniciativa que pon en marcha medidas a prol da sostibilidade e a aposta polos produtos de proximidade, dinamizando o comercio e favorecendo unha segunda vida en produtos que se atopen en bo estado. Para o día 14 de decembro o concello porá a disposición das persoas interesadas mesas para colocar os produtos e serán as persoas participantes as responsables de xestionar a venda.









