Hoxe é Martes 9 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os comerciantes ofrecen bonos de aparcamento gratuíto para favorecer as compras de Nadal

empresas

A campaña de Nadal da Asociación de empresarios busca garantir a accesibilidade ao centro comercial aberto mediante a distribución de bonos de aparcadoiro gratuítos. Unha medida coa que queren contrarrestar as dificultades crecentes de acceso ao centro urbano e a escaseza de prazas de estacionamento “principal ameaza para o comercio de proximidade de Redondela”.

Explican dende a Asociación que malia contar con dúas zonas de aparcadoiro en superficie e un parking subterráneo de xestión privada, a realidade é que a demanda supera con moito a oferta. A situación é tan grave que baixos comerciais están a ser reconvertidos en garaxes, mentres que o aparcadoiro privado pendura a diario o cartel de “Completo”, especialmente nas xornadas de Feira municipal, onde aseguran “o colapso é permanente durante toda a mañá”.

Para tentar solventar esta situación, a Asociación por en marcha un sistema de bonificación de aparcadoiro durante a duración da Campaña de Nadal que estará operativo dende o 15 de decembro ao 5 de xaneiros, coincidindo co período de maior actividade comercial. Así cada establecemento asociado que participe na campaña disporá dun pack de bonos gratuítos que aforrará ao cliente o custe do parking en base a compra realizada.

“Con esta iniciativa, o empresariado local reivindica o dereito da veciñanza a acceder con comodidade ao comercio de proximidade, sen que a falta de aparcadoiro se converta nunha barreira insalvable que faga vencedor ao comercio online ou ás superficies comerciais da veciña urbe viguesa” engaden dende a Asociación que fai ademais un chamamento ao Concello a que “apoie este iniciativa e sume novas propostas na procura de medidas correctoras” porque entenden “É imprescindible que se actúe con urxencia na xestión da accesibilidade, especialmente nas franxas de tarde, cando o regreso das persoas traballadoras doutros municipios converte as rúas Pai Crespo e José Regojo nun auténtico caos viario que afoga ao comercio local”.

A campaña de Nadal inclúe tamén os bonos comercio por un importe total de 3.000 euros e un novo xogo das bolas máxicas que estará presente tanto na rúa, prazas de abastos como nos comercios.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará