Foto: reunión do xurado do II Certame Redondela Investigada
Os premios entregaranse este venres nun acto que se celebrará ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Máis de 50 alumnos e alumnas dos catro centros de ensino secundario público do Concello participaron nesta segunda convocatoria presentando 30 traballos nos que se abordan temas diversos como a historia do tranvía de Chapela, o bote Manuel, o colexio de Portocabeiro, a igrexa de Santa María de Reboreda, o son das campás, o caso REACE ou a figura de Ángel Barros. Unha iniciativa que busca espertar a curiosidade da rapazada e crear sinerxias entre os cetros educativos de Ensino secundario do municipio.
De feito, o Certame de Investigación en Ciencias Socias “Redondela Investigada” está organizado polos Departamentos de Xeografía e Historia dos IES de Chapela, Illa de San Simón, Mendiño e Pedro Floriani.
Destinado ao alumnado da ESO e Bacharelato pretende promover o estudo e coñecemento sobre o conxunto do concello alentando o espírito investigador e científico do alumnado de secundaria e pondo en valor a diversidade xeográfica, histórica, cultural e xeográfica do concello de Redondela e o espírito crítico e conciencia cidadá entre o alumnado de secundaria. As investigacións presentadas abordan temas relacionados con Redondela desde o punto de vista das Ciencias Sociais (Historia, Xeografía, Arqueoloxía, Antropoloxía, Socioloxía etc.). Na súa elaboración, o estudantado tivo que mergullarse nas fontes primarias, xa foran orais, realizando entrevistas, ou documentais, consultando diversos arquivos e hemerotecas.
O Certame Redondela Investigada conta con tres categorías por idades: Penlas (1º e 2º da ESO), Burras (3º e 4º da ESO) e Coca (1º e 2º de Bacharelato). Os traballos podían ser en formato artigo escrito ou podcast.
Nesta segunda edición, presentáronse 30 traballos nos que participaron máis de medio centenar de estudantes. As categorías de Burras e Coca trataron temas diversos como a o tranvía de Chapela, o bote Manuel, o colexio de Portocabeiro, a igrexa de Santa María de Reboreda, o son das campás, o caso REACE ou a figura de Ángel Barros. En canto á categoría do alumnado máis novo, as Penlas, os traballos versaron sobre o comentario histórico dunha fotografía antiga. Así atopamos traballos sobre o cambio urbanístico de Redondela ou Chapela, historias familiares ou da festa da Coca.
O xurado estivo composto por membros dos catro departamentos de Ciencias Sociais dos centros de ensino secundario públicos do Concello así como por Carlos Antuña, da asociación SEREN e o autor do blog Anecdotario Redondelán, Juan Migueles. O xurado tivo en conta a orixinalidade das investigacións, a súa achega ao coñecemento do concello de Redondela, o uso de fontes primarias así como a boa redacción.
Os premios consisten nun diploma e un vale económico para consumir en catro librerías do concello de Redondela sufragados polos catro centros de ensino redondeláns. En total hai 8 traballos premiados e dúas mencións especiais.
Os traballos gañadores constituíran o índice do segundo número da revista Redondela Investigada que edita o colectivo Sinerxías Secundarias.










