O centro educativo recibiu o único premio concedido na categoría de educación en valores no marco dos Premios provinciais de xuventude que concede a Deputación de Pontevedra. Dotado con 600 euros, este premio recoñece o labor de inclusión que a través deste taller de teatro comunitario se realiza por parte do alumnado e profesorado do centro educativo.
Un obradoiro de teatro que fomenta a inclusión e a transformación social mediante a participación e a construción dunha obra teatral, así o explicaban as coordinadoras do proxecto no momento de recoller o premio nun acto celebrado na xornada de onte no Salón de Plenos do Pazo Provincial quen salientaban “a potencia das artes escénicas pola súa capacidade transformadora e de tecemento de redes”.
O grupo de teatro conta coa participación de alumnado e profesorado do Instituto de Chapela, usuarios e profesionais da Asociación Xaruma para a inclusión de persoas con diagnóstico mental e alumnado e profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. No curso 2024/2025 baixo a coordinación da profesora Sara Alba, o proxecto celebrou a súa cuarta edición e presentou a obra “A familia Bratislava” dirixida pola dramaturga e directora Diana Longa.









