O Concello licitou os traballos nestes dous camiños por preto de 20.000 euros e teñen un prazo de execución de 2 meses. As melloras inclúen o novo asfaltado duns 220 metros de lonxitude en total e unha superficie próxima aos 1.000 metros cadrados.
A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade licitou as obras de mellora e pavimentación dos camiños das Laxes e Carreiro da Auga, en Reboreda. As obras consisten na mellora de drenaxe e a pavimentación, con aglomerado asfáltico en quente o que suporá unha mellora notable da mobilidade nesta zona cun novo firme máis seguro. O novo asfaltado no Camiño das Laxes terá unha lonxitude de 115 metros, mentres que no Carreiro da Auga é de 105. Entre ambos camiños o aglomerado suma unha superficie aproximada de 977 metros cadrados.
Previo ao estendido do aglomerado realizarase a limpeza e preparación de toda a superficie e procederase á regulación do pavimento, co recheo das fochancas existentes.
A actuación no Camiño das Laxes comeza na zona do estreitamente existente até o seu encontro coa Estrada a Pazos de Borbén PO-250. Para recoller as augas superficiais do camiño, e evitar que cheguen á Estrada a Pazos de Borbén, proxéctase colocarase unha canaleta de drenaxe.
A actuación no Camiño Carreiro da Auga comeza no cruzamento co Camiño das Laxes até o fondo actual, onde se atopa cortada.









