A alcaldesa Digna Rivas avanzou na xuntanza da Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención a Vítimas de Violencia de xenero que o Concello ofrecerá en breve unha “solución habitacional” para aquelas mulleres que deben abandonar o seu domicilio. Está a ultimarse o acordo cunha institución para proporcionarlles unha residencia segura a todas aquelas mulleres que teñan que abandonar a súa vivenda que “debería estar resolto a comezos de 2026”.
A Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención a Vítimas de Violencia de Xénero reuniuse este martes co obxecto de analizar os casos de violencia de xénero rexistrados en Redondela. Nesta reunión de traballo participan representantes do Concello, Subdelegación do Goberno, Corpos e Forzas de Seguridade, Xulgado e Sergas.
Desde o Concello deuse conta da nova prestación de apoio ás vítimas de violencia machista co “Servizo de atención e coidado inmediato”, un servizo de atención dispoñible as 24 horas, os 365 días do ano dirixido a mulleres vítimas de violencia machista “para atender ás persoas que están a cargo destas mulleres, xa sexan menores de idade ou maiores dependentes”. O servizo é solicitado pola policía cando as vítimas teñen que realizar trámites de denuncia, declarar no Xulgado ou calquera outra xestión derivada da situación de violencia. A prestación inclúe tanto o persoal como o material necesario para atender aos menores ou maiores a cargo da vítima.
A alcaldesa avanzou tamén que o Concello ofrecerá en breve unha “solución habitacional” para as vítimas de violencia naqueles casos en que deben abandonar o seu domicilio. Está a ultimarse o acordo cunha institución para proporcionarlles unha residencia segura “e confiamos en que estará resolto a comezos de 2026”, sinala Rivas.
Desde a Unidade de Unidade Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, salientaron “o excelente traballo e o esforzo” que realiza o Concello de Redondela con estes novos servizos que poñen a disposición das vítimas de violencia machista e “a boa disposición” para a coordinación da atención ás vítimas.
Na Mesa, presidida por Digna Rivas, participaron as concelleiras de Muller e Igualdade, Iria Vilaboa, e Interior, Rita Pérez Táboas, así como técnicas do CIM. Tamén representantes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Policía Local, Nacional e Autonómica, do Xulgado de Redondela, do Centro de Saúde de Redondela e do Centro Penitenciario da Lama.









