Familias e negocios están a recibir estes días o cobro da taxa do lixo. Un recibos de 100 euros para os domicilios particulares que oscila entre os 216 e os 2.601 euros no caso dos negocios. Os populares manteñen o seu rexeitamento contra o que cualifican de “inxusta suba da taxa do lixo nun 165%” aprobada en pleno por PSOE, BNG e AER. Lembran que a Xustiza admitiu a trámite un recurso contra este incremento e anuncian a derrogación da suba no caso de recuperaren a alcaldía en 2027.
O grupo municipal do PP vén de anunciar, co gallo do período voluntario de pago da nova taxa do lixo, que seguirá loitando contra a “inxusta e brutal” suba deste tributo nunha media dun 165%. Neste senso, lembrou que tras a presentación de alegacións que foron desestimadas polas forzas de esquerda, está a centrar os seus esforzos neste momento no recurso xudicial.
Malia que aseguran non ser partidarios de levar os temas políticos ante os tribunais “neste caso non nos quedou outra polas inxustizas, desigualdades e abusos desta nova taxa e seguimos agardando a que o proceso vaia avanzando coa intención de chegar ata o final na defensa dos intereses xerais dos redondeláns”, manifestou o voceiro municipal, Javier Bas, que, en calquera caso, anunciou a intención do PP de derrogar esta ordenanza fiscal se chega ao goberno local tras as eleccións municipais de 2027 e emprender unha mesa de diálogo cos veciños, comerciantes, hostaleiros e colectivos económicos para aunar unhas taxas máis razoables e a sostibilidade do servizo.
O edil do PP explicou que moitos veciños estanse a dirixir á súa formación nestes días para expresarlles o seu malestar polos efectos desta taxa e para pedirlles que sigan con accións orientadas á súa revogación. Así, Bas indicou que moitas familias estanse a ver afectadas polo pago das tarifas de 100 euros nun contexto de inflación moi elevada, pero sobre todo estase causando un grandísimo prexuízo aos negocios, xa que a práctica totalidade de comercios e locais de hostalería pagan entre 216 e 2.601 euros, segundo as súas características e superficie, tras un incremento medio, no seu caso, que supera o 300%.
Uns incrementos que ademais incumprirían o principio legal de “quen contamina, paga” xa que se grava enormemente a establecementos que apenas xeran lixo”.









