O equipo Masculino A do Club de Tenis e Pádel de Redondela (CTP Redondela) proclamouse campión da Zona Sur das Series Nacionales de Pádel Galaxy Connecting e xa se prepara para o gran duelo de xaneiro en Santiago de Compostela contra o gañador da Zona Norte (aínda por decidir). Dese enfrontamento sairá o campión galego absoluto, que á súa vez disputará a fase nacional contra os mellores equipos afeccionados de España.
Mateo Reguera, capitán do Masculino A, di que o crecemento do pádel en Redondela é imparable cun aumento nos equipos en todas as categorías. O Masculino A conta con 19 xogadores na súa plantilla. O balance da tempada é moi positivo, aínda que non comezou do mellor xeito debido a numerosas lesións. Con todo, a unión do grupo foi clave para superar as dificultades e alzarse co título do Sur.
Mateo agradece especialmente o traballo de Fran, o adestrador, que lles axuda a pulir a técnica, aínda que os adestramentos seguen sendo fundamentalmente partidos entre compañeiros.
O seguinte obxectivo é claro: vencer en xaneiro ao campión da Zona Norte e clasificarse para a fase nacional. E apenas remate ese cruce, en febreiro arrancará a Liga Federada, onde o Masculino A milita en Terceira División coa ambición de seguir ascendendo ata Segunda.
O pádel redondelán non para de crecer, e o interese polo modalidade no sector feminino é cada vez maior, ata o punto de que o club conta xa con tres equipos competitivos: o Feminino A, B e C. Especialmente destacado está o Feminino B, que arrancou competindo no séptimo grupo da categoría Future acadando un pleno de victorias na primeira volta. Derrotaron ao Mercantil zona 5 de Vigo nos retos de ascenso ao seguinte grupo por un contundente 12-0. A segunda volta xogárona no grupo sexto, onde acadaron novamente o liderato con pleno de victorias. Agora esperan con ilusión o play-off, onde se enfrontarán ás octavas clasificadas da competición.

Pola súa banda, o Feminino A competiu na segunda liga da categoría 500, mentres que o Feminino C contribúe tamén a consolidar a base do pádel feminino no club, reflectindo o auxe imparable desta modalidade entre as xogadoras de Redondela.











