Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Andaina presenta un manifesto e protocolo de inclusión no Día da Diversidade Funcional: “Máis dereitos, menos favores”

20251203_124204

A Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional conmemorou hoxe, mércores 3 de decembro de 2025, no Auditorio Multiusos da Xunqueira, o Día Internacional da Diversidade Funcional cun acto que non buscaba celebrar, senón reivindicar os dereitos das persoas con diversidade, baixo o lema “Máis dereitos, menos favores”.

O evento enmarcouse nun día de loito colectivo, coa participación de centros educativos como o Colexio Santa Mariña, o Colexio Vigo e o IES Mendiño, xunto á Asociación Lenda Saúde Mental. Tamén incluíu intervencións institucionais da concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, e do concelleiro de Educación, Alberto Álvarez. Ademais, interviu a directora do IES Mendiño, Carmen Vallejo, en nome dos docentes do municipio.

O acto central desenvolveuse ás 12:00 horas coa lectura dun manifesto reivindicativo a cargo de membros da Xunta Directiva e de mozos e mozas da Asociación Andaina. No documento, a entidade denuncia a vulneración constante e estrutural dos dereitos das persoas con diversidade funcional, baseándose na Convención da ONU, na Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e na normativa de accesibilidade. Destaca barreiras físicas (como falta de ramplas, ascensores ou transporte adaptado), cognitivas (ausencia de lectura fácil, pictogramas ou sinalización clara) e sociais-institucionais (falta de planificación transversal en orzamentos, actividades culturais e deportivas, ou ausencia de intérpretes de lingua de signos e espazos seguros en eventos públicos).  O manifesto enfatiza que estas barreiras non son inevitables, senón froito de decisións políticas, e reclama o cumprimento legal en lugar de favores puntuais.

Entre as demandas concretas do manifesto, exíxense adaptacións como puntos laranxas en eventos para persoas con crises sensoriais ou TEA, filas preferentes para quen non tolera esperas prolongadas, prezos reducidos en servizos municipais, horas silenciosas en feiras e espectáculos, zonas reservadas accesibles, adaptacións en carreiras deportivas con saídas diferenciadas, e programas culturais e deportivos inclusivos sen segregación. Subliña que estas medidas non son privilexios, senón a aplicación práctica de dereitos recoñecidos, e insta a eliminar barreiras para garantir autonomía e participación plena. Ademais, reivindica un Concello sen obstáculos, políticas inclusivas, participación real das persoas afectadas (“nada sobre nós sen nós”), formación obrigatoria en accesibilidade para o persoal municipal e compromiso político con recursos estables.

Carmen Vallejo, directora do IES Mendiño, sinalou o deber das institucións educativas e os docentes de reivindicar o dereito das pesoras con diversidade funcional e reflexionou sobre o papel dos educadores e educadoras nunha sociedade máis xusta e inclusiva.

O evento contou tamén coa participación de máis de 150 alumnas e alumnos dos centros educativos do municipio, que presentaron un estudo sobre boas prácticas xa aplicadas nos seus centros e as eivas pendentes para fomentar unha comunidade inclusiva. A lectura deste traballo correu a cargo do alumnado do Colexio Santa Mariña.

Andaina entregou á concelleira de Servizos Sociais un Manual de Boas Prácticas, un protocolo municipal para a inclusión das persoas con diversidade funcional. Este documento apela á responsabilidade do Concello e de todos os grupos políticos, esixindo que as actividades públicas garantan a participación plena e eviten barreiras evitables. Iria Vilaboa recolleu o manual e anunciou o compromiso do Concello de avanzar na participación plena da cidadanía con diversidade funcional.

Instalouse unha mesa informativa atendida por homes e mulleres dos módulos de formación prelaboral e adultos da Asociación Andaina, onde se ofreceu merchandising solidario para recadar fondos e información sobre o labor da entidade, co obxectivo de visibilizar unha realidade aínda frecuentemente ignorada. Para rematar, os participantes saíron á rúa con paraugas negros como símbolo de loito reivindicativo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará