A División de Honra Prata Feminina está a vivir unha tempada intensa, cunha loita pola parte alta da clasificación que deixa partidos emocionantes. Esta fin de semana, o SAR Rodavigo volveu ofrecer un espectáculo de alto nivel no seu pavillón da Bomboneira e sumou unha nova vitoria de prestixio ao impoñerse por 32-29 ao BM Getasur, terceiro clasificado e un dos equipos máis fortes do grupo.
As xogadoras dirixidas dende o banquiño local por Verónica Posada chegaron ao encontro coa moral polo ceo tras bater na xornada anterior ao até entón líder invicto, o BM Cañiza. En fronte tiñan a un Getasur que só coñecera unha derrota en toda a liga. O partido comezou cos mellores presaxios para as locais: un parcial inicial de 4-1 e un 10-6 que reflectía o dominio claro da SAR no arranque. As madrileñas, con todo, reaccionaron antes do descanso e apertaron o marcador ata un axustado 12-11.
Na segunda metade, o SAR Rodavigo mantivo a cabeza fría e a intensidade defensiva. Aos 48 minutos xa mandaban por 27-21, unha renda que permitiu á grada respirar máis tranquila. Getasur intentouno ata o final e recortou diferenzas, pero a vitoria nunca estivo en perigo. O 32-29 final confirma o excelente momento de forma do conxunto, que demostra que pode loitar pola parte nobre da táboa.
A próxima semana espérase outro choqué de altura na Bombonera, pois repiten en casa contra o Rocasa Gran Canaria, actual líder e aínda invicto. Promete ser unha nova festa do balonman feminino nacional.
Derbi na Segunda Autonómica Feminina
No Pavillón Municipal Manuel González Soto de Chapela vivíronse dúas xornadas intensas de balonmano feminino da Segunda Autonómica, cun ambiente especial polo compromiso co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N). Pancartas, lazos e símbolos de cor morada enchían as gradas e a pista, nunha iniciativa aplaudida polo público.
No derbi redondelán, o Cies Obra Civil Balonmano Chapela impúxose ao SAR Inpernoroeste por 22-15. A primeira parte foi moi igualada e chegouse ao descanso cun empate a 9 goles. Tras o paso polos vestiarios, as locais apertaron en defensa, encaixaron só 5 tantos e conseguiron marchar cunha renda cómoda que xa non abandonaron.
No segundo encontro da xornada no mesmo pavillón, as Pastoriza Choqueiras acadaron a súa segunda vitoria da tempada ao vencer con claridade ao CP Lucense por 28-18. Ao descanso xa mandaban 12-9 e souberon administrar a vantaxe na segunda metade ata selar un triunfo solvente.
A próxima xornada trae partidos esixentes: SAR Inpernoroeste recibe na casa ao líder, o BM Abegondo; o Balonmano Chapela visita ao Bueu e as Pastoriza Choqueiras desprazaranse ata Tui.














