Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela estrea un “protocolo pioneiro” para evitar situacións de risco ás traballadoras do SAF

protocolo saf

O Concello de Redondela establece un protocolo con medidas de prevención e actuación ante posibles situación de risco para as traballadoras do SAF. As medidas recollidas neste documento, que foi realizando en colaboración coas representantes sindicais, as técnicas municipais e a empresa que presta o Servizo de Atención no Fogar, inclúen a valoración previa en cada domicilio para detectar se existe perigo, a formación do persoal e protocolos de actuación así como a suspensión temporal do servizo ante situacións de risco ou entorno hostil.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que estas medidas teñen como obxectivo “garantir a seguridade das traballadoras do SAF respectando os dereitos das persoas usuarias”. Así, ante unha situación de risco no domicilio “primará a protección á traballadora” .  O principio básico deste protocolo é que o persoal que acode aos domicilios “non pode traballar con medo e ten dereito a interromper o servizo cando perciba risco”.

A alcaldesa sinala que, malia ser unha competencia da Xunta de Galicia, o Concello asume esta responsabilidade para garantir “non só a atención das persoas usuarias, senón tamén a seguridade das traballadoras”. A alcaldesa lembra que a Xunta comprometeuse a establecer un protocolo para protexer ás traballadoras do SAF despois da morte dunha profesional nun domicilio do Porriño o pasado mes de xullo “pero aínda non hai nada”. No goberno local “adiantámonos á Xunta e asinamos coas partes implicadas este acordo, porque nos preocupa a situación que viven cada día estas traballadoras”.

O protocolo conta con varias liñas de actuación que se estableceron logo de varias xuntanzas, tanto con representantes das traballadoras como da empresa, e tendo en conta as súas achegas. Esas liñas de actuación inclúen: formación e información ao persoal, coordinación efectiva e comunicación inmediata, medidas preventivas con persoal a disposición do servizo, valoración de riscos e valoración social previa e actuación ante posibles situación de risco ou entorno hostil.

A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, explica que a formación ao persoal será obrigatoria, e estará dirixida a “identificar escenarios hostís con formación sobre riscos, casos de acoso ou violencia”. O Concello colaborará “para concienciar ás persoas usuarias do servizo e ás súas familias”.

A comunicación entre as traballadoras, a coordinadora do servizo e o Concello será continua “para a detección precoz de riscos” e realizarase unha notificación “inmediata” de posibles perigos á técnica municipal. As medidas preventivas inclúen que a empresa que presta o servizo teña psicólogo/a e terapeuta ocupacional a disposición das persoas usuarias, das familias e do persoal do SAF.

Antes de comezar o servizo nun domicilio realizarase unha valoración de riscos para detectar se existe perigo de agresión e, no caso de que exista risco grave e inminente, suspenderíase o servizo. A propia traballadora debe facer tamén unha avaliación diaria e, se detecta perigo “abandonará o domicilio e informará á coordinadora”.

O protocolo establece como actuar ante situacións de risco ou entorno hostil, coa suspensión temporal do servizo se procede. Vilaboa explica que primará “a protección, asistencia e asesoramento á traballadora”. Cando se produzan estas situacións porase en marcha un proceso de investigación e seguimento cun rexistro de incidencias onde quede constancia da comunicación ao Comité de Prevención.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará