Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela entrega 1.660 sinaturas ao Sergas para esixir melloras urxentes na atención primaria

sanidade

A Asemblea pola Sanidade Pública de Redondela presentou este xoves ante o Sergas as sinaturas recollidas entre a veciñanza dos concello de Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. En total 1.660 coas que denuncian “a grave deterioración da atención primaria nos catro centros de saúde dependentes de Redondela e se esixen medidas inmediatas para recuperar unha asistencia sanitaria digna.

Entre as principais queixas recollidas destacan a non substitución de profesionais de medicina de familia, pediatría e enfermería, o que obriga á poboación de Fornelos e Pazos de Borbén a desprazarse máis de 18 km para recibir atención médica, demoras de ata 30 días para extraccións de analíticas, a supresión do servizo de pediatría en Fornelos e Pazos, que afecta a preto de 150 nenos e nenas que agora teñen que desprazarse e a sobrecarga no Punto de Atención Continuada (PAC) de Redondela por demoras de máis de 20 días en moitas citas de primaria.

A Asemblea pola Sanidade Pública de Redondela agradeceu a masiva resposta da cidadanía nun acto no que estiveron acompañados polo alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero así como o secretario comarcal da UXT Vigo, Ernesto Fontanes.

O colectivo adiantou que continuará coas mobilizacións ata que se atendan estas demandas urxentes para evitar o colapso definitivo da atención primaria na comarca e chama á veciñanza a participar na gran manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro xoves 4 de decembro ás 19:00 h en Vigo, con saída da Praza de España, baixo o lema pola defensa da sanidade pública galega.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará