Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Todas as veces que foron un non”, traballo gañador do V Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético

WhatsApp Image 2025-11-28 at 14.35.07

Jaime Figueroa, Digna Rivas, Joshua Mateo, Claudia Morán e Iria Vilaboa

O artigo “Todas as veces que foron un non”, publicado na revista Luzes e asinado por Claudia Morán Mato, Marta Ortega e Marta Veiga, alzouse coa quinta edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento e comunicación da violencia machista. Trátase dunha reportaxe valente que recolle testemuños de mulleres galegas de distintas idades e denuncia a normalización da cultura da violación en todos os ámbitos da vida cotiá. Lonxe do estereotipo do agresor descoñecido na rúa, o traballo pon o foco en homes do entorno próximo –parellas, exparellas ou coñecidos– e inclúe tamén a análise de expertas en psicoloxía, educación e antropoloxía para afondar nas causas estruturais desta violencia.

O galardón, convocado polo Concello de Redondela a través da Concellería de Igualdade e impulsado xunto ao activista Joshua Mateo, recoñece as boas prácticas xornalísticas que evitan o sensacionalismo, respectan a intimidade das vítimas e poñen o foco nelas e nas causas do problema. Está dotado con 1.500 euros e unha peza artesanal en bronce e madeira de buxo elaborada pola asociación Lenda de saúde mental, que simboliza unha man formando un corazón.

A entrega celebrouse esta mañá na Oficina de Turismo de Redondela. Claudia Morán recolleu o premio en nome das súas compañeiras Marta Ortega e Marta Veiga, que non puideron asistir. No seu discurso, Morán agradeceu o recoñecemento e salientou que “é un orgullo para todas as que cremos que o xornalismo pode e debe ser unha ferramenta para un mundo sen machismo, sen unha muller máis violentada ou asasinada”. Fixo un agradecemento especial ás mulleres que abriron as súas feridas para contar as súas historias e dedicoulle o galardón “a todas as que sofren violencia machista en todas as súas formas” e, de maneira especial, a Sesé Mateo, a veciña de Chapela en cuxa memoria naceu este premio.

Discurso de Claudia Morán.

Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas reivindicou a mensaxe central do artigo: “Esa vergoña que, de maneira tan inxusta, ás veces senten as vítimas ten que cambiar de bando. E pezas xornalísticas como esta axudan a conseguilo”. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, subliñou que o traballo gañador “pon o foco nas vítimas e en como a sociedade e as propias mulleres normalizan a violencia sexual”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.

Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo e promotor do premio, lembrou que o obxectivo é “fomentar un xornalismo que contribúa á comprensión social do problema, evitando enfoques sensacionalistas e colocando ás vítimas no centro”.

Joshua Mateo.

Jaime Figueroa, en nome da asociación Lenda –que realizou a escultura do galardón–, destacou as vulnerabilidades compartidas entre as persoas con problemas de saúde mental e as vítimas de violencia de xénero, sobre todo ante os medios.

Jaime Figueroa, en nome de Lenda.

Coa entrega deste premio, o Sesé Mateo consolídase como unha referencia estatal no impulso dun tratamento informativo ético da violencia machista. Desde o Concello de Redondela adiantaron que o vindeiro ano celebrarase a sexta edición.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará