A Asociación Trazos Festival instalará, mañá sábado diante do Concello —coincidindo co tradicional acendido das luces de Nadal de Redondela que terá lugar a partir das 19:00 horas—unha caseta de Papá Noel convertida nun pequeno mercadiño cheo de ilusión. Desde as 18:00 horas, as familias do colectivo agardarán aos veciños e veciñas con chocolate quente, sorrisos e moita alegría, todo co obxectivo de recadar fondos para a súa comparsa do Entroido de verán.
A Asociación Trazos Festival é un colectivo formado por 60 nenos e nenas xunto coas súas familias (e ata as avoas) que leva anos traballando xuntos nun proxecto baseado na inclusión, a creatividade e a comunidade. “Os traxes e o espectáculo da comparsa teñen un custo moi elevado e queremos que todas as persoas que forman parte desta gran familia poidan participar sen excluír a ninguén”, explican desde o colectivo.
Por iso decidiron lanzar esta nova iniciativa: unha caseta artesanal feita por todos, desde cero e priorizando a reciclaxe. A estrutura é de madeira, decorada con cartón, goma eva, papel e ata estrelas de papiroflexia realizadas nun obradoiro colectivo. “Na nave que alugamos gardamos o material de todos os anos da comparsa e despois reutilizámolo para transformalo noutra idea”, contan orgullosos. O deseño leva a sinatura creativa de Patricia, coordinadora e fundadora do centro pedagóxico Trazos, e nel participaron pais, nais, avoas e, por suposto, os máis pequenos.
Todo o traballo fíxose en cadea e en círculo: un exemplo de axuda interxeracional onde cada persoa achega o que pode. “Isto vai de unir forzas en todas as etapas”. Os integrantes de Trazos irán vestidos para a ocasión con bufandas vermellas e brancas e algún que outro Papá Noel, mantendo a temática das luces de Nadal. A caseta converterase nun mercadiño vivo onde venderán agasallos decorativos e chocolate quente. Cada compra levará unha bolsa única, personalizada a man polos nenos e nenas do colectivo.
E é que en Trazos nada se tira: desde 2019, a súa comparsa do Entroido de verán inspírase cada ano no espírito libre e comunitario do Burning Man, e todo o que crean (traxes, decoracións ou ideas) renace despois noutras formas. Esta caseta de Nadal é o mellor exemplo.

Teresa, unha das máis cativas de Trazos, leva dende os tres anos participando e agora con dez anima a todo o mundo a achegarse aos soportais da casa consistorial para compartir a ilusión coa que traballan todo o ano.
Antes do acendido, o Concello de Redondela ofrecerá ao público un espectáculo de pasarrúas que este ano mantiveron en segredo para conservar a maxia e sorprender especialmente aos máis cativos. O momento estrela, o acendido das luces, terá lugar ás 20:00 h, coa esperanza de que o tempo acompañe e permita gozar deste evento multitudinario sen contratempos.










