Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP de Fornelos denuncia que o custe da reparación da piscina multiplicouse por dez

piscina fornelos

Os populares falan de “excesos, sobrecustes disparados e unha total falta de transparencia na rehabilitación das piscinas” que por culpa dos atrasos na súa reparación non chegaron a abrir o pasado verán. Denuncian que malia non estar en servizo “o Concello contratou igualmente un socorrista durante seis meses”.

O grupo municipal do PP de Fornelos de Montes vén de denunciar numerosas irregularidades nas obras de rehabilitación das piscinas municipais, que ademais foron obxecto dun retraso enorme que impediu a súa apertura durante todo o pasado verán. Os populares revelaron que dita actuación caracterizouse por un exceso de obras sen o aval da xustificación técnica, un sobrecuste disparado en reparacións que multiplicou por dez o investimento previsto e unha total falta de transparencia por parte do goberno local, que segue sen dar explicacións, principalmente aos veciños.

Os populares, que recalcaron “a pésima xestión do executivo socialista por deixar aos veciños sen piscinas durante todo o verán”, revelaron que a reparación de fendas pasou dos 29 m2 previstos no proxecto a 338 m2 malia que isto supera a superficie total das paredes do vaso”. “Non se sabe onde se actuou, por que se actuou e como se actuou porque están inmersos nunha absoluta falta de transparencia, pero todo iso semella moi raro e, o peor de todo, é que o pagaron os veciños por carecer desta instalación”, apreciou a concelleira popular que recalcou que, pese ás dificultades para acceder ao expediente da obra, non existe ningunha xustificación técnica.

O PP de Fornelos subliña que o gasto desa partida de reparación incrementouse nun 100% sobre o previsto, supoñendo 23.734 euros adicionais. Ademais, considera que existen outros aspectos censurables nesta rehabilitación das piscinas, como a existencia de partidas certificadas que non se corresponden co executado e a falta de claridade nos prazos e nas prórrogas da obra. Neste senso, indicaron que o pasado maio pediuse un aprazamento dun mes polas supostas dificultades para avanzar na obra debido ás choivas, e non foi ata finais de xullo, xa co prazo ampliado vencido, cando se emitiu o informe sobre o retraso “pero a realidade é que o conxunto da xestión deixou aos veciños sen piscinas e cun enorme despilfarro sen explicar de diñeiro público”.

Finalmente, os populares calificaron de “colmo absoluto” de toda esta neglixencia que o Concello contratara igualmente a un socorrista por espazo de seis meses malia que as piscinas non abriron nin un só día “o que xa confirma que ou o goberno está totalmente sen rumbo ou actúa con intereses que non son os xerais”.

Critican tamén que tras forzas a celebración dun pleno extraordinario para abordar este asunto “o alcalde, Emiliano Lage, evitara dar ningunha explicación suprimindo unilateralmente o tema das piscina da orde do día malia que non pode facelo nunha sesión convocada pola oposición”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará