Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O pleno declara a “emerxencia habitacional” en Redondela

redondela

A moción, presentada por AER, saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG e contempla declarar o acceso á vivenda como o principal problema social do Concello así como a posta en marcha dun organismo municipal, formado por representantes de todos os grupos e por funcionarios do departamento de urbanismo, para buscar medidas que favorezan o acceso ao alugueiro.

A Agrupación de Electores defendeu a proposta lembrando a falta de iniciativas por parte do Concello de cara a favorecer o acceso a vivenda nunha situación na que os altos prezos do mercado impiden que moitas persoas poidan ter esa posibilidade. “É preciso buscar algunha solución polo que propoñemos a creación dun organismo que analice a situación actual” explicou Roberto Villar quen achegou datos tan alarmantes como que o prezo medio de aluguer en Redondela atópase por riba dos 750 euros mensuais ou a aparición dun fenómeno novo no concello: que se aluguen habitacións en vivendas a compartir por 300 euros mensuais.

Apunta que un dos motivos principais desta situación estaría na diminución da oferta, xa que moitas das vivendas que estaban no mercado do alugueiro están sendo dedicadas a outros usos, nomeadamente como vivendas de uso turístico.

“Pisos que ata hai poucos anos estaban alugados a familias, agora dedícanse a acoller peregrinos. Hai máis de 200 aloxamentos turísticos, un dato oficial ao que habería que engadir os que poden estar actuando fora dese circuito”.

O BNG, malia apoiar a proposta, aproveitou para recriminar ao goberno que non exercera o dereito de retracto nun edificio en construción na urbanización de Regojo “que permitiría poñer 30 vivendas no mercado de aluguer a medio prazo” segundo afirmou Xoán Carlos González.

O concelleiro socialista, Antonio Cabaleiro aidantou que unha vez se aprobe o PXOM o departamento de urbanismo aprobará unha ordenanza de cara a regular as vivendas turísticas no noso concello. Asegurou, por outra banda, que dende que se implantou en Redondela a normativa que establece o goberno galego en materia de pisos destinados a uso turístico xa están a diminuír o número de vivendas que se dedican a estas actividade “ao esixírselles unha serie de requisitos que anteriormente non tiñan que cumprir”.

Os populares votaron en contra e criticaron ao goberno por non adherirse a figuras da Xunta que facilitarían a construción de vivenda en Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará