O Concello de Redondela oferta sete campamentos de Nadal para facilitar a conciliación nas vacacións escolares pensados para nenos e nenas de entre 3 a 12 anos. O horario será de 9:00 a 14:00 horas con posibilidade de aula matinal de 8:00 a 9:00 horas. O prazo de inscrición está aberto no Rexistro Xeral do Concello de Redondela ata o 5 de decembro.
O número de prazas ofertadas son 180 e estarán repartidas en sete emprazamentos. Así, poderase solicitar praza para os campamentos que se van desenvolver nos colexios de Cedeira, Outeiro das Penas en Cesantes, no Alexandre Bóveda de Chapela, no CEIP de Quintela e no colexio de Porto Cabeiro. Na parroquia de Reboreda o campamento desenvolverase na sede da Sociedade Labrego Cultural e no centro da vila terá lugar no Conservatorio Municipal “Victor Ureña”.
A concelleira Iria Vilaboa responsable do departamento de Igualdade e Muller responsable da organización dos campamentos explica que “o obxectivo dos mesmos é proporcionar ás familias unha programación educativa e lúdica que lles permita conciliar o coidado dos nenos e nenas cos seus deberes laborais durante as vacacións escolares de Nadal”.
A documentación para facer a solicitude está dispoñible na páxina web redondela.gal así como na Casa do Concello e nas oficinas do Centro de información á Muller (CIM). As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela de xeito presencial ou electrónico. O prazo está aberto ata o 5 de decembro.









