A Asociación de empresarios salientou na clausura do III programa de emprego dirixido á mocidade o alto grao de inserción laboral cun 80% dos participantes cun contrato de traballo. A metade dos mozos e mozas foron contratados polas propias empresas nas que realizaron as súas prácticas.
OpMobility, Recambios Ochoa, Peter Taboada ou Eficiencia Ecológica son algunhas das empresas locais que participaron deste programa de emprego que da a oportunidade á xuventude de formarse e especializarse en sectores estratéxicos de Redondela e comarca.
A Asociación de Empresas de Redondela vén de celebrar o acto de clausura da III edición do programa Xuventude Mentoring na Empresa, unha iniciativa que conecta a mocidade en formación coa realidade empresarial local, promovendo estadías formativas que permitiron que un 80% dos participantes lograran a súa inserción laboral.
Salientan que a metade dos mozos e mozas acadaron ademais un emprego nas empresas nas que realizaron as súas prácticas o que evidencia “o compromiso do tecido empresarial de Redondela coa mocidade e coa xeración de oportunidades reais de emprego”, así como a eficacia dun modelo que combina formación, acompañamento e experiencia directa no
entorno profesional promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
O programa, segundo anunciou a Directora Xeral no acto de clausura celebrado na Asociación de Empresas de Redondela, continuará a súa traxectoria en 2026 cun novo impulso no que se resaltará a formación na empresa e darase continuidade a este modelo de estadías formativas nas empresas vinculadas a sectores estratéxicos da economía galega.









