O Centro de Benestar Integrado de Soutomaior (Multiusos de Arcade) acolle, este venres 28 de novembro ás 20:00 horas dentro da programación do Concello de Soutomaior polo 25N – Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres- a alamada peza de teatro documental de Iria Pinheiro “Anatomía dunha serea”. Un espectáculo nacido do seu propio corpo e da súa memoria como muller, nai e vítima de violencia obstetricia que, desde o seu estrea, leva anos percorrendo escenarios, removendo conciencias e abrindo feridas que moitas mulleres recoñecen como propias. En 2019 conquistou os premios María Casares á Mellor Actriz e ao Mellor Texto Orixinal e segue hoxe tan vivo e necesario como o primeiro día.
“Todo isto naceu de querer contalo. A min pasoume esa situación e, nese momento, non tiña moi localizado o que era a violencia obstetricia. Sabía que me pasara algo, pero tiven que buscar por internet para entendelo. Entón apareceron outros casos de mulleres, tamén de mulleres artistas que o contaban a través da fotografía, da poesía… e eu quixen contalo tamén. Foi a miña maneira de denunciar: unha denuncia no teatro, unha denuncia creativa e, creo, construtiva”, explica Iria Pinheiro.
A artista describe a violencia obstétrica como un maltrato que sempre se dá nunha situación de máxima vulnerabilidade: “Pode ser nunha consulta de embarazo, no parto, no postparto ou cando imos ao xinecólogo. Para que todo o mundo o entenda sen dar unha lección de dicionario: son situacións de maltrato físico ou verbal en relación á nosa vida sexual como mulleres, na consulta xinecolóxica, no paritorio ou coa matrona. Comentarios que nos infantilizan, danos físicos sen consultar o que van facer. Todo ese tipo de circunstancias”.
Pinheiro insiste na necesidade de estar ben informadas e de humanizar o proceso: “Moitos comentarios que parecen ‘estándar’ poden chegar a ser violencia de xénero aplicada ás mulleres. A obra non é un ataque contra a comunidade médica, senón unha reflexión, unha autocrítica e un chamamento de atención sobre o que nos está pasando, para que se nos escoite e se atenda ao que necesitamos. É importante non estar fóra da zona de control no propio proceso. Recoñezo que hai grandes profesionais e que se está avanzando, pero hai que seguir demandando para que se mellore”.
A creadora tamén destaca a importancia dos coidados posteriores: “Os corpos non curan sós e debemos reclamar un bo trato en todo o proceso. A maior parte das depresións posparto veñen dunha falta de apoio e de coidados despois dunha situación de estrés tan forte. E as secuelas mal curadas, tamén as psicolóxicas, poden alongarse moitos anos”.
Agradece o labor de asociacións como El Parto Es Nuestro ou a AGAM ( Asociación Galega de Matronas), que axudaron a visibilizar este tipo de violencias: “Sinto que cada vez se fala máis e que hai maior interese. A mostra está no interese que segue habendo pola miña obra de teatro, que leva anos en circulación “.
Para ela, crear esta peza foi sanador: “Facer esta obra foi unha necesidade de contalo e, ao mesmo tempo, un proceso de sanación. Ademais, enriquécese cos coloquios que facemos despois das funcións. Estou moi ilusionada de traela a Soutomaior”.
Sobre o título, explica: “Escollín a serea porque, no momento das secuelas, sentía que me cortaran de cintura para abaixo. Non sentía ben as pernas, movíase todo no sacro, que se estaba xirando pola mala postura. A imaxe que me viña era a da serea: metade muller, metade peixe. Quería contar esa intimidade e abrila para que resoase como un canto de serea“.
Dirixida por Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, en colaboración con Chévere, a montaxe combina emoción e humor, intimidade e un punto final bonito e sobrecolledor. Está pensada para todos os públicos a partir dos 12 anos.










