A praza do Concello de Redondela acolleu este mediodía o acto institucional polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Baixo o lema da campaña “ante a violencia machista, resposta universal”, o Concello de Redondela reafirmou o seu compromiso coa loita contra a violencia machista nun evento que reuniu a veciñanza, asociacións, centros educativos e entidades sociais.
A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, presentou o acto, no que participaron activamente a Asociación Andaina (diversidade funcional), a Asociación Lenda (saúde mental), o CEIP Santa Mariña, o IES Mendiño, o IES Chapela e os Centros de Día, ademais de numeroso público.
A lectura da Declaración Institucional correu a cargo de Soledad Chayán, recoñecida este ano como “muller exemplo de emprendemento e compromiso con Redondela”. As súas palabras foron claras e rotundas: “A violencia machista non é un problema privado nin individual, senón unha cuestión estrutural que afecta á sociedade no seu conxunto. Non entende de fronteiras, idades nin condicións: afecta a todas as mulleres polo simple feito de selo e constitúe unha vulneración inaceptable dos dereitos humanos. Por iso esixe unha resposta firme, colectiva, unánime, continuada e global. O lema deste ano —Ante a violencia machista, resposta universal— reclama a implicación das institucións, das administracións, das familias, da cidadanía e, sobre todo, unha resposta colectiva desde o compromiso de todas e todos”.

A continuación, as asociacións Andaina e Lenda tomaron a palabra para ler os seus manifestos. Ambas coincidiron en subliñar que negar a violencia machista é unha forma máis de exercela e en reclamar respecto e igualdade real, tamén dentro da diversidade. “Levantamos a voz por todas as mulleres que se senten soas —dixeron—, para que saiban que non o están e que nunca o estarán.
“En nome dos centros educativos interveu Carmen Vallejo, profesora do IES Mendiño, quen definiu o 25N como “un berro colectivo contra a violencia de xénero” e reafirmou o labor diario das aulas pola igualdade. Rematou esixindo con forza: “Necesitamos políticas públicas valentes que garantan a protección efectiva das vítimas”.
Acto seguido, o alumnado máis novo do CEIP Santa Mariña protagonizou un dos momentos máis emotivos da xornada. Nenas e nenos lanzaron un conxuro colectivo de “paz, liberdade, amizade, respecto e igualdade de trato”. “As palabras teñen poder —dixeron con voz firme— e hoxe usámolas para loitar polos dereitos de todas as mulleres e para comprometermos, desde xa, a rexeitar calquera forma de violencia”.
O apartado artístico estivo á altura da ocasión con dúas propostas cargadas de intensidade: a performance “Coida o que amas”, da artista Iria Sobrado, que reflectiu a dor das vítimas nunha posta en escena chea de simbolismo, e a peza “A Mordaza”, creada e interpretada polo colectivo As Mulleres Silenciadas, que deixou a praza en silencio.

A alcaldesa, Digna Rivas, foi a encargada de pechar as intervencións. Advertiu no seu discurso que “a violencia machista existe, e non retrocede, unha realidade teimuda que deixa cifras de vítimas que son arrepiantes”. Rivas reafirmou “o compromiso de Redondela coa erradicación da violencia de xénero” ao tempo que pediu o compromiso de todas as administracións e toda a sociedade “porque só remataremos coa violencia machista traballando unidos, sen mirar outro outro lado”. Puxo o foco na necesidade de avanzar “na prevención e a educación da mocidade” e lembrou que desde o Concello de Redondela existe un “compromiso firme” con obradoiros nos colexios e institutos ao longo de todo o curso. Rematadas actividades na praza do Concello, realizouse a ofrenda floral no Salgueiral, ante a árbore ginkgo biloba na memoria das vítimas.

O acto rematou cunha ofrenda floral no Salgueiral, ante a árbore ginkgo biloba plantada en memoria das vítimas da violencia machista.
As actividades co gallo do 25N continuarán mañá mércores día 26 coa Escola de Familias “Previr desde o Fogar”. Abordarase a educación afectiva-sexual na etapa de Secundaria, e a cita é no IES Chapela ás 17.00 horas. O V Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista será o venres 28 na Oficina de Turismo (rúa Isidoro Queimaliños). ás 10.30 horas.
Primeiro Ciclo de Teatro Mestra Paulina
- “DeSexo”. Talia Teatro. Domingo, 30 de novembro. Auditorio Multiúsos da Xunqueira. 18:00 horas.
- “Sophie”. Redrum Teatro. Sábado, 13 de decembro. Auditorio Multiúsos da Xunqueira. 20:00 horas.
Ao longo do curso 2025/2026 realízanse os obradoiros de “Falemos de Sexo”, “Prevención de Trastornos de Condutas Alimentarias: violencia estética” e “Pataformas dixitais e sexualidade” para o alumnado dos centros escolares do Concello.









