O grupo As Tareixas serán os encargados de abrir o ciclo
O programa, enmarcado dentro das actividades que o Concello organiza co gallo das datas do Nadal que arranca oficialmente este sábado co acendido das luces ás 20:00 horas, contará con trece espectáculos desde o 19 de decembro ata o 4 de xaneiro. Tanxarina, Os Bolechas, Pakolas, As Tareixas, Peter Punk ou Ce Orquestra Pantasma serán os encargados de achegar o teatro e a música en galego ao público infantil e familiar de todas as parroquias. Todas as actuacións serán ás 18.00 horas.
A primeira das actuacións será co grupo de música redondelán “As Tareixas”, o 19 de decembro no Centro Cultural de Ventosela. Seguirá Brais das Hortas, o 20 de decembro no Centro Cultural de Quintela co espectáculo “Zona de Obras”. En Cesantes a cita será coa música de Paco Nogueiras e o espectáculo “Son animal”, no Centro Cultural o día 21 de decembro e na Sociedade Labrego Cultural do Viso estarán o 22 de decembro Fantoches Baj coa obra “O castiñeiro do Apalpador”.
O 23 de decembro o protagonista será Peter Punk, que estará no Centro Cultural de Saxamonde cun espectáculo cómico e musical. A maxia e diversión do circo chegará o 26 de decembro ao Centro Cultural de Negros co “Show de Fifo”. No Centro Cultural de Cedeira estará o 27 de decembro a compañía Títeres Alakrán co teatro de monicreques “Barriga Verde”. O 28 de decembro será a quenda do ilusionista internacional Cayetano Lledó, que estará no Auditorio da Xunqueira cun espectáculo de maxia para público familiar. Lledó combina técnicas innovadoras con xogos cómicos onde a sorpresa e o humor se fusionan co ilusionismo. Un día despois toda a marcha e a diversión do espectáculo musical “A Bailar no Nadal” de Animar-T chegará ao Centro Cultural de Trasmañó, o 29 de decembro. A última actuación do ano será o 30 de decembro co polifacético Ce Orquestra Pantasma no Centro Cultural de Reboreda.
O mes de xaneiro comezará coa gran compañía redondelá Tanxarina, que actuará no Centro Cultural de Cabeiro o 2 de xaneiro coa súa premiada obra Titiricircus. O ritmo rockeiro chegará da man de Pakolas cun espectáculo musical no Centro Cultural de Vilar de Infesta o 3 de xaneiro. A programación deste ciclo rematará o 4 de xaneiro cunha das familias máis coñecidas de Galicia, “Os Bolechas”, que estarán o auditorio do Piñeiral do Crego en Chapela.











