O BNG de Fornelos de Montes denuncia graves deficiencias nos depósitos decantadores de augas residuais situados no lugar de Vilán, que actualmente están a verter directamente ao río Oitavén e provocando un impacto ambiental significativo. Ante esta situación trasladan ao pleno do concello unha moción na que reclaman as administracións que procedan a construír unha depuradora que evite os vertidos.
A portavoz municipal do BNG, Milagros Casal Blanco, explicou que durante unha revisión realizada pola formación nacionalista comprobouse que os depósitos de cemento presentan perdas importantes por deterioro e falta de mantemento e que os vertidos que chegan ao río conteñen residuos contaminantes, afectando ao ecosistema fluvial e á calidade da auga.
O BNG subliña que é responsabilidade das administración garantir a protección das augas mediante
infraestruturas axeitadas para depurar e evitar prexuízos ambientais polo que reclama que o concello de Fornelos de Montes realice de inmediato as xestións necesarias ante o resto das administracións para poñer fin aos vertidos e impulsar unha solución definitiva, xa sexa mediante a construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) ou outra alternativa fiable e sostible para garantir o bo estado das augas e que se executen con urxencia os traballos de mantemento necesarios para erradicar os vertidos mentres non se materializa a solución definitiva.









