O sábado 22 de novembro, a Plataforma de Activistas Culturais e Artistas Sinha Paca e o Concello de Redondela organizan o seu sétimo Magosto na Alameda Castelao (e se chove, na Feira do Gando), unha festa popular que mestura tradición, música en directo, obradoiros e solidariedade, e que xa é unha das citas culturais máis animadas da vila.
A partir das 18:00 horas arrincan os obradoiros gratuítos para todas as idades: un para facer cestas con briks de leite reciclados (ideais para levar as castañas) e outro para elaborar conos co método tradicional, pero usando papel de xornal recuperado de forma sostible.
A música comeza ás 19:00 horas e será unha maratón ben variada: con Antón Ke, que se define como “ukelele de batea con ritmos furancheiros”, un músico de barrio que en 2016 gravou no móbil o seu primeiro tema “Nai Natureza” e que hoxe suma dous discos —“Ukeson” e o xenial “Aínda queda moito” (2020)—, xiras como a recente “Ukelele de batea” con máis de 25 concertos e un repertorio cheo de humor, crítica social afiada e enerxía contaxiosa; seguiranlle Gremio de Mareantes, que renova a música tradicional galega cunha posta en escena moi participativa e chea de forza; logo Skanderani coa súa fusión mediterránea e oriental cargada de experimentación; Pikota FM traerá rock con versións de clásicos e algún tema propio; e pechará a noite DJ One cunha sesión de mesturas atrevidas e ritmos de todo o mundo. Durante toda a tarde-noite haberá castañas asadas de balde para todo o mundo.
Martín e Cadilla, de Pikota FM, destacan a importancia de traer música galega e artistas emerxentes a espazos públicos como este, e adiantan que o seu concerto será “ben animado, con moitas versións de clásicos do rock e algún tema propio para que ninguén quede quieto”.
Tamén haberá mercadillo artesanal e barra solidaria, cuxos beneficios irán destinados á caixa de resistencia das persoas identificadas pola policía durante as accións de apoio a Palestina na pasada Vuelta a España.
A organización e o Concello convidan a toda a veciñanza a achegarse á Alameda Castelao para gozar das castañas, da música, da creatividade e da boa compañía nunha tarde-noite de festa comunitaria e aberta a todos os públicos.











