O colectivo convoca a cidadanía a unha reunión que terá lugar este xoves ás 19:00 horas no Multiúsos da Xunqueira, coa intención de informar sobre a situación da Atención Primaria adscrita a Redondela. Unha reunión que convoca tamén aos veciños de Pazos de Borbén cuxo centro de saúde estivo sen servizo durante dez días por non substituír o Sergas a facultativa que se atopaba de baixa. Un tema que chegará ao parlamento da man do BNG quen denuncia que se trata dunha situación “crítica e recorrente” neste municipio.
Na reunión que a Plataforma celebra este tarde informarase da situación na atención sanitaria así como o novo modelo na Atención Primaria que a Xunta presentou na Mesa Sectorial de Sanidade . Modificacións no traballo dos profesionais que aseguran “van repercutir na calidade asistencial dos cidadáns”.
A plataforma redondelá fai un chamamento tanto a profesionais como a usuarios e usuarias dos centros de saúde de Chapela, Pazos de Borbén, Fornelos e Redondela a apoiar esta loita social.
Situación sanitaria en Pazos
Un dos concellos máis afectados na contorna é o de Pazos que dende o día 6 e ata este martes estivo sen atención por estar de baixa a única facultativa que atende este servizo. Ante esta nova incidencia o BNG vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para denunciar o que cualifican de “situación crítica e recorrente” que neste mes estivo case dúas semanas sen médico e tras un verán desatendida.
O voceiro municipal do BNG, Xurxo Pardo, salienta que “isto non é un feito puntual nin un accidente illado: é a consecuencia directa de anos de recortes e abandono por parte do goberno do PP”. Lembrou que no verán pasado o concello estivo un mes completo sen médica, desde mediados de xullo, obrigando a toda a poboación a desprazarse, colapsando aínda máis outros centros como o de Redondela.
Segundo recolle a iniciativa parlamentar, Pazos de Borbén —con preto de 3.000 habitantes e arredor de 1.700 persoas usuarias do centro— leva anos sufrindo episodios continuados de falta de cobertura médica, xa que as baixas, vacacións ou ausencias non se cobren con axilidade nin previsión. Isto provoca atrasos, desprazamentos forzosos e deixa o centro sen persoal suficiente mesmo para atender urxencias ou visitas domiciliarias.
A esta situación súmase o recorte da atención pediátrica que afectaba a 150 nenos e nenas e que a Xunta eliminou aproveitando a pandemia, sen recuperalo nunca máis, obrigando ás familias a derivar as crianzas a outros concellos.
O BNG demanda solucións inmediatas e estruturais como a cobertura inmediata das baixas da profesional médica, o reforzo do cadro de persoal cun segundo médico, garantindo estabilidade e continuidade asistencial e a recuperación da atención pediátrica, cun horario ampliado e de proximidade para as familias.









