Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Fundación da Santa Cruz: “O obxectivo non é atopar un fogar, senón poder mantelo”

WhatsApp Image 2025-11-20 at 14.17.45

Con motivo do Día Europeo das Persoas Sen Fogar, a Fundación da Santa Cruz inaugurou no Multiusos de Redondela a exposición “Arquitectura dos Invisibles: Onde o cartón se converte en refuxio”. A mostra, creada polas propias persoas residentes na Casa de Acollida e Albergue xunto co equipo social, busca romper estereotipos, achegar a realidade de quen vive na rúa e fomentar unha mirada máis inclusiva cara a elas.

Soledad Pomar, directora da Fundación Santa Cruz.

Cristian, traballador social da Fundación, explica que os perfís que atenden están moi lonxe do tópico habitual: “Ao contrario do que moita xente pensa, non son perfís estancos. Cambian e evolucionan como o tempo. Hoxe atendemos a persoas en paro de longa duración, mulleres vítimas de violencia de xénero que tiveron que abandonar a súa casa porque a súa vida corría perigo, persoas migrantes e solicitantes de protección internacional que foxen de guerras ou persecucións, persoas con problemas de adiccións ou saúde mental e, cada vez máis, mozos e mozas que cumpren os 18 anos, saen do sistema de protección de menores e, ao non teren rede familiar, acaban na rúa ou no albergue”.

Cristian Troncoso, traballador social.

No que vai de 2025 (do 1 de xaneiro ao 31 de outubro) o albergue rexistrou case mil atencións, correspondentes a 451 persoas distintas. “Facemos esta diferenza porque hai quen usa o recurso unha única vez ao ano e quen repite varias veces”, aclara Cristian. A ocupación supera o 90 %, con máis de 8.000 pernoctacións ata outubro, un 16 % máis que no mesmo período dos dous anos anteriores. Ademais, servíronse máis de 14.000 comidas, laváronse máis de 6.000 quilos de roupa e entregáronse máis de 400 pezas de vestir a un centenar de persoas distintas.

Cristian Troncoso, traballador social.

O traballador social insiste en que o albergue non só cobre necesidades básicas (pernocta, comida, hixiene e roupa), senón que tamén acompaña procesos de inserción: busca de vivenda e emprego, acceso á formación e orientación laboral. Con todo, as causas estruturais dificultan o avance: “O principal problema é a vivenda. Cada vez é máis prohibitiva, mesmo para persoas sen dificultades. Imaxinade para quen, ademais, poden ter problemas de saúde mental ou adiccións. Os propietarios buscan o inquilino perfecto, piden garantías e fianzas de dous meses que esta xente non pode asumir. En Vigo hai algúns pisos básicos e de transición, pero son moi poucos e a demanda crece cada ano. Necesitamos máis vivenda pública, máis vivenda accesible e que baixen os prezos do alugueiro. O obxectivo non é só conseguir unha casa, senón poder mantela”.

Cristian Troncoso, traballador social.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, presente na inauguración da exposición, cualificou os datos de “escalofriantes” e subliñou a necesidade de actuar: “É a realidade que estamos vivindo e hai que tomar medidas”. A rexedora agradeceu o traballo “pouco coñecido pero moi necesario” da Fundación, destacando o trato humano e a responsabilidade dos seus profesionais. Ademais, adiantou unha próxima colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Redondela para apoiar especificamente a mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de vulnerabilidade habitacional, un proxecto que se anunciará nas próximas semanas.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.

O acto concluíu coa lectura do manifesto deste ano, “Arquitectura dos Invisibles. Manifesto pola dignidade e o dereito a un fogar”, a cargo de Alejandro Carballal, usuario da Fundación: “Hoxe levantamos con cartón o que moitos levantan con esperanzas. Unha casa non é só un teito: é descanso, seguridade, pertenza. Cando falta, rómpese algo máis que unha parede: rómpese unha parte da alma. Mentres unha soa persoa durma sen teito, ningunha de nós estará realmente na casa”.

Lectura do manifesto a cargo de Alejandro Carballal.

Na inauguración estiveron presentes representantes da asociación ProVivenda Vigo, membros da Fundación Santa Cruz —entre eles Mirian Sánchez, coordinadora do Área de Inclusión Social dos dous recursos (Albergue e Casa de Acollida); Soledad Pomar, directora da Fundación Santa Cruz; e Cristian Troncoso, traballador social do albergue—, así como a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará