Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela xunta forzas pola saúde mental da infancia e xuventude

WhatsApp Image 2025-11-19 at 12.41.12

Redondela avanza na atención á saúde emocional da infancia e adolescencia. O luns 17 de novembro celebrouse a primeira reunión do Grupo de Traballo de Saúde Infanto-Xuvenil, un proxecto que nace da Mesa de Saúde do Concello e que xa arranca con forza e con todos os axentes implicados sentados.

Alí estiveron representantes do Centro de Saúde, dos colexios e institutos de primaria e secundaria da vila, da Federación de ANPAS, de entidades sociais que traballan día a día coa infancia e a mocidade, do propio Concello e as responsables da área sanitaria de Vigo da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), que serán as encargadas de dinamizar este espazo de traballo conxunto.

Nesta primeira toma de contacto, puxéronse en común todas as accións que cada entidade leva desenvolvido nos últimos tempos en prol do benestar emocional dos máis novos: desde programas nos centros educativos ata obradoiros nas asociacións ou as intervencións desde o propio centro de saúde. Identificáronse as dificultades coas que se atoparon e, sobre todo, as aprendizaxes que deixaron cada experiencia.

Un dos acordos máis celebrados foi a necesidade de mellorar a coordinación entre todos os que traballan con nenos e adolescentes na nosa vila. Para iso, propuxeron crear un directorio de entidades e profesionais que facilite o contacto rápido e o traballo en rede.

A próxima reunión será en xaneiro e xa teñen deberes: comezar a deseñar unha intervención comunitaria que mellore a saúde emocional desde a perspectiva biopsicosocial e que aposte pola interxeracionalidade como valor engadido. Isto axudaría a que a mocidade e os maiores, poidan aprender uns dos outros mentres coidan  a saúde mental.

En próximas datas convocarase outro grupo de traballo específico para combater a soidade non desexada, especialmente entre as nosas persoas maiores. Un novo exemplo da importancia de traballar en colectivo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará