Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O alumnado do Floriani reclama poder saír do recinto escolar no recreo

WhatsApp Image 2025-11-19 at 12.15.11 (1)

Foto de Martín Puga, portavoz do Consello Escolar do Floriani

O alumnado do IES Pedro Floriani de Redondela está en pé de guerra trala decisión da Xefatura Provincial de Educación de Pontevedra de eliminar, neste curso 2025-2026, a posibilidade de que os maiores de 16 anos que non cursan estudos obrigatorios poidan saír do centro durante o recreo co permiso perental. Unha medida que se recuperara en plena pandemia para reducir ratios e facilitar a ventilación e que agora a Xunta de Galicia decidiu revogar, alegando que o covid “xa está bastante lonxe”.

Martín Puga González, membro do Consello Escolar do Floriani e portavoz do malestar estudantil, explica que “esta norma levábamos anos gozándoa e axudaba moito a desmasificar un centro que está a rebentar. Os maiores de 16 de Bacharelato ou ciclos saían ao pobo no recreo, estaban máis tranquilos e os que quedábamos tiñamos máis espazo. En Santiago era habitual que os institutos próximos á Alameda usasen o parque como unha extensión do patio. Agora prohíbennos saír e nin sequera nos dan explicacións claras”.

O malestar non é exclusivo de Redondela. Segundo Puga, “está ocorrendo en moitos centros de Santiago, algúns da comarca do Ribeiro e, polo de agora, só o Floriani na nosa vila, porque foi dos poucos que se acolleu á norma no seu momento”. O Sindicato Estudantil Galego xa está a coordinar protestas comúns para esixir que se manteña a flexibilidade.

Desde o instituto confirman que o equipo directivo xa remitiu un escrito á Xefatura Provincial pedindo a norma exacta que aplica este curso e unha solución, “pero levamos días sen resposta ningunha”, lamenta Martín.

O problema dos recreos non é o único que preocupa ao Consello Escolar. A recente ampliación do centro, que a Xunta presentou como grande logro para baixar ratios, está chea de deficiencias. “As aulas novas de 2º de Bacharelato, un curso decisivo para a Selectividade, levan meses sen wifi ou con conexión intermitente. Os profesores non poden usar o material dixital”, denuncia Puga. “O peor de todo é que a Xunta di que recibe as nosas reclamacións, que lle parecen importante, pero nunca pon data para arranxar nada. É sempre o mesmo: ‘estamos fartos”.

Docentes consultados polo alumnado recoñecen que comparten a preocupación, pero están desbordados polas ratios altos e a carga burocrática. “Algúns profesores que están máis implicados anímannos a loitar polo que é xusto, pero din que ven moi complicado que a Xunta dea marcha atrás nunha decisión de este tipo”, conclúe o portavoz estudantil.

Pola súa banda, o alumnado do Pedro Floriani non pensa renderse e xa prepara accións de protesta para as vindeiras semanas. “Se non nos deixan saír no recreo nin arranxan as aulas novas, que menos que escoitarnos e dar datas concretas”, sentenzan. A pelota está no tellado da Consellería.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará