A Casa da Cultura Rexina Mïguez Noval acolle o sábado 15 e o domingo 16 de novembro as II xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade que organiza o concello de Soutomaior e que contará con persoas expertas para debater sobre a xestión sostible dos montes, a resposta ante os grandes incendios forestais e as boas prácticas para unha xestión racional dos montes e un aproveitamento sostible dos recursos. A programación inclúe actividades variadas como coloquios, saídas micolóxicas, obradoiros, magosto e música.
As xornadas naceron o ano pasado para dar resposta ás necesidades das 16 comunidades de montes do propio concello así como informar e asesorar as todas as persoas que dun xeito ou doutro están interesadas nun aproveitamentos racional e sostible dos recursos naturais.Este ano centran estas xornadas no tema dos incendios, un risco constante para os montes galegos e particularmente para os de Soutomaior de alto risco incendiario e que se viron afectados en vagas pasadas tanto no 2006 como no 2017.
O programa inclúe o sábado 15 dúas saídas micolóxicas para aprender a identificar a tipoloxía de cogomelos, a recolectar e coñecer curiosidades, usos e a normativa, cuxas prazas están xa esgotadas.
A xornada do domingo propón unha mesa coloquio baixo o título “Grandes incendios forestais. Retos e preguntas” na que participarán o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a profesora da Facultade de Ensino e TS da Uvigo, María Isabel Doval, profesor de Enxeñería Forestal na UVigo, Juan Picos, o alcalde de San Xoán Río (Ourense), Xosé Miguel Pérez Blecua, o profesor de Enxeñería Aeronáutica da UVigo, Fernando Veiga, o experto en desenvolvemento territorial da UVigo, Breixo Martíns, a investigadora social Mar Peláez e o presidente da CVMC Couso Xosé Antón Araúxo.
A continuación terá lugar o obradoiro “árbores bombeiras”, unha experiencia creativa de arte e natureza contra o lume destinadas a crianzas. Ás 14:00h terá lugar un xantar e xa pola tarde celebrarase o segundo obradoiro do día centrado na cestería natural destinado a nenas e nenos de máis de 5 anos.
Ás 17:00h. o protagonista será o obradoiro “A casa das abellas” no que os rapaces e rapazas aprenderán que é unha colmea e como funciona, como se extrae o mel ou como facer candeas coa cera natural.
A mesa coloquio “As abellas, pequenas heroínas da natureza” terá lugar ás 18:00h e inclúe degustación de meles de produción local e reflexións sobre a súa importancia para un ecosistema en perigo. Interveñen: Pablo Ares. Apicultor e membro da Asociación Stop velutina Umia, Alberto Covelo. CVMC de Vincios, Juan Carlos Cernadas. IXP A Raíña de Vela, Marcos Quintas. Melosiña, Porfirio González. Montesiña.
Unhas xornadas que pecharán as súas portas cun magosto e o directo de “Biversión” que terá lugar ás 19:30h.
Todas as actividades que se organizan nestas xornadas serán de balde, para todas aquelas que precisan inscrición previa está abertas en https://soutomaior.gal/actividades/












