Os populares aseguran que o goberno local podía ter acceso a unha axuda directa da Deputación de 1,1 millóns de euros pero que o Concello opta a “unha achega máxima de 761.000 euros polo que están deixando pasar 340.000 euros”. O PP cifra en 9 millóns de euros “as achegas desaproveitadas polo goberno de Rivas nos algo máis de seis anos do executivo socialista”.
O grupo municipal do PP de Redondela vén de lamentar o que cualifican de “chorreo insoportable” de perdas de investimentos por parte do goberno de Digna Rivas tras ter acceso ao expediente do proxecto presentado ao 2º Plan Extra da Deputación de Pontevedra. Explican que o Concello opta a unha subvención para a reurbanización do camiño de Cidadelle, en Chapela, cun orzamento de 1.088.000 euros dos que o organismo provincial achegará un máximo de 761.000. O edil iván Crespo engade que “ao abeiro deste programa Redondela podía desenvolver actuacións por 1.571.000 euros e recibiría 1,1 millóns de euros” e lamenta que o Concello non teña presentado outros proxectos para acceder a estas axudas.
“Estamos ante unha situación moi grave derivada dunha xestión totalmente ineficaz, porque podería entenderse que nalgún caso se perderan fondos por circunstancias singulares e concretas, pero o que pasa no Concello de Redondela é único na provincia porque se perde diñeiro, e polo tanto investimentos, infraestruturas e servizos, en absolutamente todas as convocatorias” asegura Crespo.
Engade o edil que “chove sobre mollado, xa que na anterior edición do Plan Extra perdéronse outros 410.000 euros coa obra de mellora da Praza da Petanca -que está pendente de iniciarse” e no último ano “quedamos sen 2,4 millóns de euros entre os plans provinciais extraordinarios e os fondos europeos do EDIL”. Crespo lamenta que estas perdas millonarias teñan “unha repercusión negativa directa na veciñanza, xa que con todos eses cartos poderían estar construídos ou en marcha moitas infraestruturas necesarias, como un novo pavillón e a escola infantil en Chapela, o auditorio, as instalacións de atletismo, o paseo de Cesantes ou a reforma integral da Praza de Abastos de Redondela, entre outras”.









