Foto da edición celebrada no 2024
O Club Campito FS vén de abrir o prazo de inscrición para o seu III Torneo Beretiño, un evento deportivo dirixido ás categorías base que combina competición e diversión durante o Nadal. Celebrarase os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro, co obxectivo principal de axudar á conciliación familiar nas vacacións dos máis cativos.
As inscricións realízanse de forma individual ou por equipo a través dun formulario en liña, con prazas limitadas a 8 equipos por categoría para garantir un torneo ben organizado e fluído. As persoas interesadas poden apuntarse ata o 30 de decembro. As categorías dispoñibles abarcan dende Biberón (nados en 2020 e 2021) ata Cadete (nados en 2010 e 2011), pasando por Prebenxamín (2018-2019), Benxamín (2016-2017), Alevín (2014-2015) e Infantil (2012-2013). O custo é de 20 euros por equipo no rexistro estándar, aínda que os clubs que inscriban máis de tres equipos poderán beneficiarse dunha tarifa conxunta de só 50 euros.
Unha vez cubertas as prazas, os equipos pasarán a unha lista de espera por orde de solicitude, e en caso de baixas, ocuparanse as vacantes priorizando esa lista. Para completar o formulario, os interesados deben achegar datos do club, do responsable ou adestrador (nome e teléfono), e ata 15 xogadores (nome, apelidos, DNI e data de nacemento). Ademais, hai que enviar o xustificante de pago ao email futbolsalacampito@gmail.com para confirmar a reserva. O pago debe efectuarse antes do 30 de decembro, indicando no concepto o nome do equipo e a categoría.
Esta iniciativa do Campito FS busca fomentar o fútbol sala entre a rapazada, e os organizadores animan aos clubs a non deixar pasar a oportunidade ante a alta demanda esperada. “O obxectivo é a conciliación familiar e tamén ensinar un pouco á parte do traballo do club. Estamos traballando para captar nenos, fomentar o deporte e que os cativos estean nunha pista de xogo e non na casa coas consolas”, explica José Cardoso, presidente do Campito FS.
Ademais, nesta edición o club volve apostar pola solidariedade cunha recollida de alimentos non perecedoiros, cuxa doazón irá directamente a Aldeas Infantiles. “O deporte inculca unha serie de valores, entre eles o compañeirismo e a solidariedade”, sinala o presidente, subliñando a importancia destas accións para transmitir mensaxes positivas á xuventude.
O crecemento do club é un dos motivos de alegría para Cardoso. “É, creo, a primeira vez na historia do concello que o Campito ten o maior número de licencias e xogadores. Temos ao redor de 140 nestes momentos, coas últimas incorporacións. No total, contamos con 12 equipos, incluídos dous sénior masculinos”. Para esta tempada, o obxectivo do primeiro equipo é volver á zona de play-off e loitar polo ascenso, mantendo unha dinámica prometedora.
De feito, o Campito Chapela FS sitúase nestes momentos no sétimo posto da táboa con 13 puntos, nunha tempada estable e con moitas opcións para remontar. A próxima cita será na casa, no Pavillón Municipal de Chapela, ante o Poio —segundo clasificado e un dos favoritos—, nun partido que se agarda intenso e cheo de emoción.
Para máis detalles e o formulario de inscrición, consulta o enlace proporcionado polo club.










