As obras promovidas pola Autoridade de Vigo permitirán crear un novo espazo público de 500 metros cadrados tras a demolición do restaurante que se atopaba na desembocadura do río Pugariño. A veciñanza poderá gozar a partir da primavera dun miradoiro con espectaculares vistas á ría dotado con bancos e iluminación. Ao mesmo tempo, acondicionarase o camiño que conecta as praias de Arealonga e o Mende
O obxectivo desta actuación e crear un novo paseo e un miradoiro xunto ao mar, recuperando o espazo ocupado polo antigo restaurante “Arealonga” e transformándoo nunha zona de esparexemento para a cidadanía, atendendo ademais ás diversas peticións recibidas por parte dos concellos de Vigo e Redondela e de asociacións veciñais. O proxecto, enmarcado na estratexia de integración porto-cidade, busca devolver aos veciños unha zona de gran valor que ofrecerá unhas vistas privilexiadas da Ría de Vigo segundo explicou o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, quen na xornada de onte visitou esta zona xunto aos responsables do proxecto.
Trátase dun espazo duns 500 m2 que se transformará nunha terraza sobre o mar con diversas zonas de descanso para que a xente poida sentar e contemplar a ría. Este novo espazo contará con vexetación litoral e diversos elementos de accesibilidade, bancos e iluminación e porá en valor, ademais, o patrimonio cultural da contorna, como a Conserveira Virzi, antiga fábrica conserveira da zona.
Ao mesmo tempo, acondicionarase o camiño que conecta as praias de Arealonga e o Mende e que finaliza nunha zona de estacionamento próxima que tamén foi recentemente acondicionada polo organismo portuario. Neste caso actuouse sobre unha superficie aproximada de 3.000 m² co obxectivo de mellorar o estado do aparcadoiro e garantir a seguridade e funcionalidade deste espazo.
Espérase que esta actuación estea finalizada para a primavera-verán do próximo ano, nun espzo urbano no límite entre os Concellos de Vigo e Redondela, con gran actividade social, no que se alternan edificacións mariñeiras tradicionais con inmobles de recente construción.









