Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Música, humor e tradición nas festas de San Martiño en Vilar de Infesta

igrexa vilar

A parroquia de Vilar de Infesta organiza unha nova edición das festas de San Martiño que se celebrará os días 11 e 15 de novembro cun programa no que se combina tradición, cultura e dinamización da lingua galega co humorista Pepo Suevos. Unha celebración que servirá tamén para render homenaxe aos grupos folclóricos da parroquia e que incluirá o tradicional magosto.

As celebracións comezaron hoxe martes 11 de novembro, día do patrón, coa misa na honra de San Martiño e a tradicional procesión acompañada pola charanga “Os Jaláticos”, que tamén ofreceron unha sesión vermú musical no Centro Cultural de Vilar.

O programa continuará o sábado 15 de novembro, cunha xornada dedicada ao humor, á música e á convivencia veciñal. A partir das 18:30 horas, o coñecido humorista Pepo Suevos presentará o seu espectáculo “Falade galego, rapazada… é unha pasada!”, unha actividade organizada co apoio da Deputación de Pontevedra. Trátase dun monólogo humorístico dirixido á mocidade e ao público familiar, que promove o uso do galego desde unha óptica divertida e actual, incorporando mensaxes sobre igualdade, respecto e identidade cultural

A continuación actuarán os grupos do Centro Cultural: o grupo de música tradicional Follas Verdes, o grupo de baile Falcatruada e o grupo Aluarado.

Este ano renderáselles unha homenaxe especial a estas tres formacións, que levan o nome de Vilar con orgullo dende hai máis de 25 anos. Son grupos que se converteron en referentes da parroquia, parte esencial da súa tradición e historia, e que, con tres fermosos nomes en galego, representan tamén o valor da cultura popular

A partir das 19:15 horas, o público poderá gozar de castañas e viño de balde, ademais de choripán a prezo popular, nun ambiente festivo e participativo.

A xornada rematará coa actuación do dúo Takicardia e unha sesión DJ a cargo de DJ Gómez.

Con esta celebración, que combina tradición e festa, Vilar de Infesta quere desfrutar dunha xornada de convivencia e ledicia compartida, mantendo vivo o espírito comunitario, as raíces e a tradición que caracterizan o San Martiño.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará