Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cinco días de prazo para participar nos premios de xornalismo ético Sesé Mateo

sesemateo acto

Foto: Acto de entrega das IV edición do premio Sesé Mateo

O Concello de Redondela convoca a quinta edición do galardón Sesé Mateo, dotado con 1.500 euros, que busca recoñecer os traballos xornalísticos con maior ética e rigor no tratamento da violencia de xénero. As bases que rexen o premio publicábanse o pasado venres 7 no BOP. As persoas que queiran participar teñen de prazo cinco días naturais para presentar as súas candidaturas a partir da publicación do estracto.

Co obxectivo de promover un xornalismo ético no tratamento da información sobre violencia machista, que sexa respectuosa coas vítimas e fuxa do sensacionalimo, naceu este galardón que celebra este ano a súa V edición. Poden concorrer a esta convocatoria aqueles traballos que foran publicados ou emitidos entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025. A dotación económica do premio é de 1.500 euros.

O certame leva o nome de Sesé Mateo, en lembranza dunha veciña de Chapela, muller feminista e militante na defensa das liberdades que foi asasinada en 2017 pola súa exparella.

O premio busca distinguir a aqueles profesionais que, ademais de informar, o fagan “con ética, fuxindo do sensacionalismo e tendo coidado coa intimidade das vítimas e das persoas superviventes máis vulnerables”. De feito, a creación deste certame xurdiu co obxecto de “seguir abrindo camiños no ámbito dos medios de comunicación” por entender que “estas noticias deben formar parte da axenda mediática, pero deben lograr un tratamento correcto da violencia de xénero e vicaria para que a difusión de valores contra a violencia sexan clave na prevención a través da sensibilización”.

Os traballos poderán ser de calquera xénero xornalístico (noticia, reportaxe, artigo de opinión…) e terán sido difundidos en calquera tipo de soporte: escrito, radiofónico, audiovisual ou dixital. Entre os criterios de valoración, que outorgan ata 10 puntos, destacan o uso da lingua galega, co que se poderá obter 1 punto adicional por ser o seu uso “minoritario no ámbito xornalístico”. Outros aspectos clave son a visibilización das formas de violencia, a difusión de recursos de prevención e atención ás vítimas e o tratamento adecuado da información contextualizado con persoas especializadas.

O prazo para presentar candidaturas é de cinco días naturais a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As persoas interesadas poden presentar a súa documentación no Rexistro Xeral do concello ou a través da súa sede electrónica. O fallo farase público nun prazo máximo de tres meses.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará