Aseguran os nacionalistas que o Concello tivo a posibilidade de adquirir un edificio de ata trinta vivendas na urbanización de Regojo por medio millón de euros e cualifican de “irresponsable e inxustificable” que o goberno local renunciara a este dereito que permitiría poñer vivenda de promoción pública no mercado.
Un dos puntos do pleno de outubro recollía a autorización da transmisión do dereito á construción dun edificio de ata sete alturas, na urbanización das antigas naves de Regojo, no casco urbano. Explica o voceiro do BNG, Xoán Carlos González que “o goberno tiña a posibilidade de facer uso do dereito de retracto, o que lle permitiría facerse con este edificio”.
Trátase dun inmoble pertencente á SAREB, do que tan só están construídos os sotos e dous baixos pero que tería a posibilidade de avanzar ata as sete alturas o que permitiría “construír ata trinta vivendas de promoción pública no centro de Redondela”, afirma o voceiro nacionalista. Uns pisos que poderían poñerse no mercado a “alugueres asequibles para xente moza, para novas familias ou aquelas que estean a sufrir a crise da vivenda”, a cambio dun prezo “moi axustado” . En concreto fala de medio millón de euros, fondos dos que dispón o Concello e que poderían destinarse para a adquisición deste edificio.
Entende o voceiro nacionalista que deste xeito podería paliarse en parte a problemática do aluguer que está asfixiando a numerosas familias do noso concello e critica tanto a PSOE como AER xa que, “logo de apoiar hai un ano unha moción para por todo o seu empeño e adquirir vivenda de promoción pública, deixaron escapar esta oportunidade” e cualifican de “esperable a postura do PP que neste tema apoio ao bipartito”.









