O Centro de Saúde de Redondela foi o lugar escollido para unha nova protesta convocada pola Asemblea pola sanidade Pública de Redondela para reivindicar medidas que garantan unha “atención sanitaria digna e completa”. Os convocantes denuncian os recortes nos centros de saúde que afectan negativamente aos pacientes “con atrasos nas citas de ata 20 días o que fai que cheguen ás consultas en peor estado de saúde”. A eliminación do servizo de pediatría en Pazos e Fornelos é outra das queixas recorrentes.
Andrés Giraldez, encargado de dar lectura ao manifesto falaba dunha “sanidade pública cada vez máis precaria e que se cambalea” co único obxectivo de “convencernos para que marchemos á privada”.
Para reverter esta situación, a Asemblea reivindica que a Xunta adopte medidas urxentes para garantir unha atención sanitaria digna e completa nos catro centros de saúde adscritos a Redondela, a cobertura de profesionais ao 100% durante todo o ano, a contratación dun médico de familia máis para o Centro de Saúde de Pazos de Borbén, o retorno do Servizo de Pediatría aos Centros de Saúde de Fornelos e de Pazos de Borbén así como garantir a atención pediátrica no PAC que evite a derivación das Urxencias ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Pilar Rodriguez, dende o colectivo SOS Sanidade Pública, poñía o acento na falta de solucións por parte da Área Sanitaria ante un problema cronificado e que está afectando negativamente a todos os veciños e veciñas de Redondela, Pazos e Fornelos.











