Soutomaior acolle hoxe venres día 7 e mañá sábado 8 II Foro sobre a Memoria Histórica cun programa de actividades que teñen como fío condutor a represión a través do ensino poñendo o foco nas persoas e nos lugares de memoria. Unha das poñentes é a autora do libro “Que escribirá a miña historia?” Iria Morgade quen participa na mesa – coloquio ‘As aulas, facer memoria para relatar a historia’ que se desenvolverá este sábado ás 18:00 horas no Multiúsos de Arcade.
O obxectivo do Foro é poñer sobre a mesa “a necesidade de recuperar a memoria perdida da guerra e da posguerra, transmitir á sociedade actual e futura o seu pasado recente para poñer en común e debater sobre a necesidade de falar da nosa memoria e das persoas represaliadas”.
E nese contexto organízanse diferentes actividade que inclúen a proxección este venres ás 20:00 da película `El maestro que prometió el mar’ cun coloquio posterior guiado por Pablo Abelleira e Uxía Couto, Responsables da asociación ‘Mocidade galega pola Memoria’.
Mañá sábado desenvolverase a mesa – coloquio ‘As aulas, facer memoria para relatar a historia’ que contará coa participación de Iria Morgade, escritora e profesora do IES Luís Seoane quen salienta a necesidade de loitar dende as aulas contra a banalización e auxe das extrema dereita.
Durante décadas a guerra civil e o franquismo foron temas que non se chegaban a analizar nas clases porque se atopaban ao final do temario ou por falta de interese. Este feito minimiza a represión que supuxo a ditadura e facilita a entrada doutros discursos, polo que é preciso abordar este tema de xeito rigoroso que poida contrarrestar a crecente ideoloxía da extrema dereita, explica Morgade.
Importante tamén facelo a través de relatos que empaticen co público adolescente e dar a coñecer á rapazada historias tan próximas como a da Illa de San Simón e o seu pasado como campo de concentración “coñecer os nosos propios lugares ten un valor didáctico enorme que facilita chegar ao alumnado”.
O coloquio de mañá contara tamén coas intervencións do alcalde Manu Lourenzo, a profesora de pedagoxía da Universidade da Coruña, Mariló Candedo, o profesor de Historia e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, Carlos Cimadevila, o profesor tamén de Historia e escritor, José Antonio Pérez e Lucia Santiago, membro de Histagra Grupo de historia agraria e política do mundo rural USC.
A programación inclúe tamén unha visita guiada por Soledad Chayán á Illa de San Simón e San Antón e a representación da peza de teatro ‘As Alumnas’ de Paula Carballeira.











