O presidente da Asociación de Empresarios reclama ao Concello que se sente co sector para analizar como se vai aplicar a taxa turística que se aprobou no último pleno e que contempla o cobro de 1 euro por noite a todas as persoas que pernocten no municipio. Unha taxa que asegura “non é un imposto ao peregrino nin ao turista, é unha taxa que van pagar as vivendas e hospedaxes” e ven gravar “o único sector que está medrando en Redondela”. Teñen previsto convocar aos propietarios afectados para avaliar a medida.
Enrique Lago critica que se pretenda novamente “castigar” a uns aloxamentos que xa están a padecer o desorbitado incremento na taxa do lixo e que temen que este novo imposto repercutirá negativamente nos seus ingresos. Por este motivo instan ao concello a reunirse co sector para avaliar a repercusión que terá a taxa turística aprobada en pleno e que supón un gravame de un euro por facer noite en Redondela. Insisten en que hai marxe para negociar a súa aplicación que a día de hoxe presenta “moitas incógnitas”.
O presidente dos empresarios non ve “nin oportuna nin necesaria” a aplicación dunha taxa que asegura “colleunos por sorpresa”. Afirma non entender que “nun concello no que o único sector económico que medra é o turístico, o goberno non conte con nós para a elaboración dunha taxa destas características ou cando menos para a súa consulta”.
Insiste Lago que esta taxa “non é un imposto o peregrino nin ao turista, é un imposto que acabará pagando o propietario da vivenda turística ou da hospedaxe, porque vai ir incluído no que cobran os establecementos e supón “un incremento na declaración da renda e nos seus impostos”.
Por este motivo, solicitan ao Concello que reconsidere esta decisión e que abra un proceso de diálogo real e transparente co sector antes de implementar calquera ordenanza que afecte directamente á actividade económica local. Entenden que “é imprescindible que se escoiten todas as voces implicadas e que se avalíen con rigor os posibles efectos desta taxa sobre o turismo, o comercio e o emprego”.
Nos vindeiros días teñen previsto convocar unha reunión coas empresas asociadas do sector do aloxamento e actividades complementarias para abordar esta cuestión.









