O incendio producíase en torno ás 18:00 horas deste martes logo de que o autor ou autores prenderan lume no dispensador de papel hixiénico nun dos baños do edificio Multiúsos. A persoa que se atopaba na conserxería do edificio foi a encargada de sufocar o incendio que afortunadamente non causou danos persoais pero novamente deixou estragos na zona dos inodoros.
Un novo acto vandálico detrás do cal estaría supostamente o mesmo individuo ou individuos que provocou os incendio que se produciron o mércores e xoves 8 e 9 de outubro. O modus operandi foi o mesmo nas tres ocasións: o autor prender lume no papel hixiénico e desaparece do lugar. O primeiro dos lumes foi o máis aparatoso xa que afectou ao segundo andar e foron os clientes da Churrería Pepe os primeiros en decatarse de que saía fume por unha das fiestras do edificio.
O de onte afectou a un dos inodoros da planta baixa e foi a traballadora do Multiúsos que se decatou do que estaba a acontecer, empregando unha mangueira para sufocar o lume
Todo quedou nun susto, pero estes actos vandálicos poden ter consecuencias fatais no caso de que non se sufoquen nos primeiros minutos e as lapas se propaguen polo edificio. Os efectos das lapas aínda se poden ver nas instalacións afectadas.










