Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela arranca a tempada con ambición: Liga Ouro e obxectivos de ascenso

567674677_18403556872187438_5492782777241692308_n

O Club Balonmán Chapela arranca a nova tempada con obxectivos ben definidos: consolidar o seu proxecto de base para manter a competitividade na Liga Galega Ouro e promover o ascenso do equipo sénior feminino. Pola súa banda, no conxunto masculino trabállase para pelexar polos primeiros postos da táboa clasificatoria, aínda que o club é consciente de que un posible ascenso será un reto aínda máis complicado.

Carlos Fernández, adestrador do club, subliña o crecemento exponencial da entidade nos últimos tres ou catro anos, cunha base que agora supera as 180 fichas e que se nutre de novos equipos en categorías inferiores. Na canteira, o obxectivo principal é manter aos equipos xuvenís masculino e feminino, así como o cadete feminino, na Liga Galega Ouro, a máxima categoría autonómica.

Ao inicio da tempada, disputáronse “liguillas” que clasifican aos mellores conxuntos para esta competición, mentres que os restantes xogan na Prata. O campión da Ouro gaña a praza para o Campionato de España. “É un pouco complicado, pero todos os partidos son duros. Hai moitos equipos potentes; o balonmán está a medrar un montón e non hai conxuntos pequenos“, detalla Fernández. O xuvenil feminino clasificouse por golaverage, cunha diferenza de só dous goles a favor tras gañar todos os encontros do seu grupo.

Entre os logros recentes, destaca a final da Final Four do xuvenil feminino o pasado ano, nun partido moi disputado que os deixou a un fío do Campionato de España. “Estivo reñido e perdemos por pouco “, recorda o adestrador. No caso do xuvenil masculino, cunha plantilla maioritariamente de primeiro ano, o proxecto mira á próxima tempada, cando estes xogadores serán un ano maiores. “Compiten ben e queremos unha boa tempada, con varios deles integrándose no sénior masculino“, engade.

O equipo sénior masculino do Balonmán Chapela, que se nutre tamén da base compite na Primeira Autonómica co obxectivo de acadar os postos altos da táboa clasificatoria. Esta fin de semana, tivo que despedirse do soño de chegar á final da Copa Federación tras caer nas semifinais fronte ao Seis do Nada. Con todo, na liga non baixan os brazos: suman seis puntos tras catro xornadas, grazas a dúas vitorias ante o Bueu e o Valinox Novas B. “Perdemos contra o Poio, que é o líder, pero competimos ben. Temos un equipo novo que precisa experiencia, pero ten boa pinta de ir cara arriba”, explica Carlos, adestrador do club.

A última vitoria, fronte ao Bueu no pavillón Pablo Herbello Novas (31-36), foi clave para consolidar o bo momento e situarse na sétima praza. O técnico resume o partido: “Entramos un pouco tarde, perdemos os primeiros dez minutos, pero do 10 ao 20 fixemos un parcial de 8-2 que nos levou ao descanso con catro ou cinco goles de marxe. Mantivemos a renda nun encontro rápido e intenso, cunha boa labor defensiva que non lles permitiu recuperarse”.

As mozas do IES Obra Civil Balonmán Chapela estrearon na Segunda Autonómica Feminina cunha vitoria contundente (49-15) fronte ao BM Arousa no pavillón Manuel González Soto, ante un público entregado. “Foi un partido completo das nosas xogadoras cun conxunto de recente creación. Invítolles a seguir traballando  porque cada gol conta e pode ser decisivo”, comenta Vázquez. O equipo feminino desprazarase na próxima xornada a Vigo para enfrontarse ao CDEC Lavadores B, coa meta clara de ascender. “O obxectivo co feminino é o ascenso“, resume o adestrador.

Coa base en auxe e os sénior en marcha, o Chapela segue a preparar a tempada, coa mirada posta nos encontros de Nadal e na consolidación do seu proxecto berete.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará